Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2010

05/04/2010

Deputación e Concello amplían a promoción da Muralla cunha gala benéfica de moda lucense

cartel da gala Muralla Moda 2010cartel da gala Muralla Moda 2010

Gómez Besteiro, López Orozco, Lara Méndez e Ricardo Díaz presentaron a Gala Muralla Moda 2010, que suma o 15º aniversario do CENTRAD a Lugo 10.
O Presidente subliña que “a promoción exterior da Muralla é unha oportunidade económica na que tamén queremos poñer en valor ós nosos deseñadores e artesáns, presentando un produto 100% “made in Lugo”
100 persoas fan posible esta gala onde toda a recadación será para fins benéficos.
O deseñador internacional Francis Montesinos –primeiro español Agulla de Ouro da Moda- presentará dous vestidos-homenaxe á Muralla e será nomeado embaixador de honor do monumento.

O Presidente da Deputación -José Ramón Gómez Besteiro-, a Vicepresidenta Segunda -Lara Méndez-, o Alcalde de Lugo -José López Orozco-, e o propietario do establecemento lucense “Dulce Locura” -Ricardo Díaz- presentaron este luns a Gala Muralla Moda 2010, coa que o organismo provincial inicia oficialmente as súas actividades dentro da programación Lugo 10, impulsada polo Concello para conmemorar o 10º aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Deputación, Concello e Dulce Locura suman o 15º aniversario do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación (CENTRAD) a Lugo 10 cunha gala de promoción exterior da Muralla, con fins benéficos, que estará protagonizada polos xóvenes talentos lucenses do deseño e da artesanía, e con Francis Montesinos -o primeiro deseñador español premiado coa Agulla de Ouro da Moda- como padriño de luxo e novo embaixador do monumento lucense máis universal.

O 19 de abril, ás 21:00 horas, o Círculo das Artes acollerá a 1ª edición de Muralla Moda 2010, un espectáculo de moda emitido a nivel nacional e internacional, con boa música e cea fría con produtos lucenses. A recadación será para fins benéficos. As entradas, 25 euros, xa están á venda no Centro de Interpretación da Muralla (praza do Campo,11) e Dulce Locura (Salvador de Madariaga, 1).
O obxectivo institucional é conseguir a promoción exterior da Muralla a través do deseño e da moda, partindo de que esta promoción é unha oportunidade económica non só para a cidade, senón tamén para a provincia.
“Non están todos os que son porque o deseño lucense precisa de moitos máis eventos coma este, pero son todos os que están. Queremos poñer en valor os xóvenes talentos da moda e da artesanía presentando un produto 100% “made in Lugo”, afirmou o Presidente da Deputación, quen subraiou o apoio da iniciativa privada “para poder celebrar un evento destas características en Lugo e coa implicación dun equipo de xente que suma máis de 100 persoas”.

O Alcalde da cidade subliñou que “esta Gala é mostra da participación entre administracións e cidadáns para difundir o patrimonio e a cultura de Lugo. Ademais, favorece a imaxe da cidade, servirá para impulsar a Muralla e o traballo dos deseñadores lucenses”. “Dulce Locura” foi quen propuxo este evento á Deputación, e investiu medios e fondos propios para a súa organización, casting e estilismo. Ricardo Díaz salientou que “queremos que esta iniciativa se converta nunha cita cultural e social que se celebre todos os anos, e na que participen distintas personalidades da provincia que nos fagan sentir ogullosos de ser de Lugo”.

Lugo 100%

A Gala garda moitas sorpresas que os organizadores irán desvelando nos vindeiros días. Os xóvenes talentos da moda e deseño escollidos para esta primeira edición son Manuel Bolaño, Sara Lage e Maru Calderón. Todos eles xa colleitaron os primeiros éxitos na Pasarela Cibeles cando apenas tiñan 20 anos. Bolaño, recén chegado de China, acaba de acaparar todas as portadas coa colección outono-inverno 2010-2011 na pasarela Barcelona Fashion Week celebrada o pasado mes de xaneiro, onde volveu abraiar coa súa particular visión da estética cultural galega. Atrás queda a súa fichaxe como deseñador de Mango aínda que segue a formar parte dun equipo innovador de deseño da Comunidade de Cataluña. Sara Lage e Maru Calderón, noutro momento do equipo de Carolina Herrera e Adolfo Dominguez, viven un momento moi doce despois de abrir a súa primeira tenda en Lugo e atender os traballos derivados da súa atrevida presenza en Cibeles.

A xoiería, marroquinería e artesanía de todo o desfile correrá a cargo dunha ducia de artesáns lucenses do CENTRAD: Idoia Cuesta, Adolfo Dominguez, Victoria Sancosmed, María Rodríguez, Chica de Canela, Pilar Rodríguez, Miguel Caamaño, Henry Huaman, Alberto Geada, Ramón Alvarez e Óscar Rodríguez Joyeros.
A empresa de Lugo Comarcal 122 ocuparase, tamén sen ánimo de lucro, do estilismo dos figurantes no Círculo. As modelos lucenses estarán apoiadas por profesionais de recoñecido prestixio, outra das sorpresas que se darán a coñecer nos vindeiros días. Maquillaxe e perruquería correrán a cargo do alumnado de FP de Imaxe Persoal da Piringalla. Unha ducia de alumnos da Fundación TIC gravará a Gala que será emitida en numerosas cidades e, como colofón, haberá unha degustación de produtos e viños da provincia.

Montesinos, embaixador da Muralla

Como padriño de honor e novo embaixador da Muralla, Francis Montesinos, un dos deseñadores españois máis internacionais, presentará dous vestidos-homenaxe adicados ó Monumento. Unha das pezas será cedida ó Centro de Artesanía e Deseño para a súa propiedade e exposición exclusiva. Montesinos, o primeiro deseñador español premiado en 1985 coa Agulla de Ouro da Moda, foi tamén merecedor da Medalla de Ouro ó Mérito nas Belas Artes, que recolleu da man do Rei Don Juan Carlos. Ó longo da súa carrera, foi o escollido para homenaxear a través da moda a Picasso, Camarón e Sorolla. Agora será a Muralla de Lugo quen lle sirva de inspiración para presentar creacións exclusivas.
Toda a gala estará amenizada pola actuación do cantante de blues Aaron Lordson, quen actuará con Norbert Fimpel, o saxofonista que acompañará a partir de maio, e por quinta vez, ó cantante británico Joe Cocker na súa xira mundial despois de tocar xunto a outras figuras como James Brown ou Supertramp.

O evento non sería posible sen a colaboración de: Hotel Monumento Pazo de Orbán e Sangro, Hotel Jorge I- Mesón de Alberto, Restaurante España, Hotel Méndez Nuñez- Apartamentos turísticos Ciudad de Lugo, Tempo Restaurante, Grupo Breogán- Lexus, Estrella Galicia, Vidriería Lara, Expressions e Aluma Peluqueros. Agradecemento especial a Marta Rivera de La Cruz, e o patrocinio de Lugo 10 débese a: Gestagua, Telefónica España, Urbaser, Calfensa, Laboratorios Nupel, EMETEL, Cociñas Lareira, Transportes Valín e Hijos, S.A, Fundación Azkar, Once, Begano S. A e D.O. Ribeira Sacra.

Máis información


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet