Produtora » Novas de Lugo » 2010

13/04/2010

A Fundación TIC e Lugopress realizarán 365 microespazos sobre historias de galegos no mundo para a TVG

O Presidente da Deputación e o director da produtora luguesa asinan un convenio de colaboración para realizar o proxecto audiovisual Calendario Extravagante
Antigos alumnos da Escola de Imaxe e Son formarán parte do equipo técnico dentro da aposta do organismo provincial pola inserción laboral

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, e o director de Lugopress, José de Cora, asinaron este luns un convenio de colaboración para realizar o proxecto audiovisual Calendario Extravagante. Trátase dunha iniciativa que inclúe 365 microespazos sobre curiosas historias de galegos no mundo que emitirá a Televisión de Galicia.

Antigos alumnos da Escola de Imaxe e Son formarán parte do equipo técnico grazas ó programa de becas remuneradas da Fundación TIC. Deste xeito, os recén titulados incorporaranse á rodaxe entre os meses de maio e xuño. Gómez Besteiro destacou a importancia desta iniciativa “coa que promocionamos a provincia, e cumprimos co principal obxectivo da Fundación: procurar a inserción laboral dos nosos alumnos”.

Pola súa banda, José de Cora agradeceu a colaboración da Deputación “xa que fai posible que na provincia se realicen estas producións”. O organismo provincial ten a única escola de imaxe e son de Lugo onde se forman ducias de mozos ó ano. Este tipo de colaboracións permiten ós recén titulados colaborar en proxectos audiovisuais como a longametraxe Os mortos van á presa de Ángel de la Cruz, a grande gañadora da anterior edición dos Premios Mestre Mateo.

Técnicos e bolseiros da Fundación TIC, xunto a outros profesionais de Lugopress, xa traballaron xuntos en Hitler, Garbo... e Araceli, un documental sobre a espía luguesa durante a dictadura alemana que se estreou no mes de xaneiro no Pazo Provincial, e que chegará a Madrid o vindeiro 20 de abril para logo continuar a súa promoción fóra da Comunidade.

A Deputación impulsa ademais a relación da EIS co sector empresarial mediante convenios de prácticas, bolsas, e diversas colaboracións. Na actualidade, a TIC mantén relación con máis de 60 empresas nacionais. Ademais, conta con máis de 10 convenios de colaboración con entidades sociais.

Calendario Extravagante
A Fundación TIC e Lugopress comezarán a traballar esta mesma semana na produción dos 365 microespazos que se emitirán na TVG a partir de xaneiro de 2011, de luns a venres, e ata mediados de 2012. Terán unha duración aproximada de 2 minutos, e contarán curiosas e extravagantes historias de galegos polo mundo. Por exemplo, o primeiro coche de Arxentina fíxoo coas súas mans un emigrante galego. O inventor da calculadora e da dobradora de papel tamén foi un cidadán da Comunidade.

70 destes capítulos estarán adicados á provincia de Lugo. Con eles descubriremos que a árbore máis vella de España sitúase en Viveiro, ou que a Deputación, no ano 1888, e sete meses antes da inauguración do Instituto Pasteur, pagou o traslado dun veciño de Monforte de Lemos infectado pola rabia a París para ser tratado. Foi o primeiro español curado no prestixioso centro. Nos seguintes anos, ó redor de 2.500 persoas coa mesma enfermidade sobreviven grazas a este tratamento.

Para ver este reproductor necesitas instalar Flash Player



< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet