Produtora » Novas de Lugo » 2011

14/09/2011

A TIC recolleu nun vídeo o roteiro teatral Son d´Aldea que recrea a vida rural nos anos 40 e 50

imaxe da grabación do Son de Aldeaimaxe da grabación do Son de Aldea

Bolseiros e técnicos da Fundación TIC completaron a gravación da xornada festiva promovida pola Deputación, que se celebrou este sábado en Palas de Rei, e coa que o organismo provincial e varias asociacións locais poñen en valor o rural.

A rodaxe desenvolveuse polos 6 escenarios onde se escenificaron vivencias tradicionais da aldea naquela época, como as conversas das mulleres no lavadoiro ou a relación que mantiñan profesor-alumno na escola.

Ese mesmo día, a TIC gravou a V concentración de coches organizada pola Escudería Portomarín Sport dentro do convenio asinado coa Fundación para difundir a través de vídeos promocionais as actividades que desenvolve a asociación deportiva.

Un equipo formado por bolseiros e técnicos da Fundación Tic, trasladouse á parroquia de Santiago de Albá, en Palas de Rei, para realizar a segunda fase de rodaxe do espectáculo teatral que recreou a vida do campo ambientada nos anos 40 e 50, e que representou o grupo local “Metátese Teatro” dentro das actividades de Son d’Aldea. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo para poñer en valor o rural, en colaboración con varios colectivos sociais e culturais da localidade como “Parzamique”, a granxa familiar “Ecoagroturismo Arqueixal”, ademais da entidade teatral citada anteriormente.

A primeira parte da gravación do DVD realizouse durante os ensaios xerais da compañía teatral. A acción transcorre paralelamente en 6 escenarios repartidos por toda a aldea. Así, tomaranse imaxes, por exemplo, no monte, amosando os labores do campo; o forno, recreando o proceso de elaboración do pan; o lavadoiros, incidindo no significado da auga; na escola, salientando a relación entre profesor e alumno; na lareira, revivindo as longas conversas dos veciños, e no tundal, onde se levaban a cabo tarefas de carpintería ou mesmo se “grabuñaba” a gadaña.

Con este audiovisual, a Fundación TIC divulga a novidosa iniciativa do grupo de teatro palense que se desenvolve por primeira vez en Galicia. Ademais, cumpre co seu obxetivo prioritario; facilitar a inserción laboral dos seus bolseiros e ex alumnos da EIS, cunha experiencia coma esta, na que se poñen en práctica todos os coñecementos audiovisuais que require unha rodaxe con varias accións que teñen lugar ó mesmo tempo.

Numerosas actividades para recrear o presente e o futuro
Son d`Aldea inclúiu numerosas actividades para recrear o modo de vida das aldeas naquela época, que centraban toda a actividade de Galicia ata que a revolución industrial propiciou que a xente se trasladase ás vilas, abandonando o rural. Deste xeito, reviviuse o pasado con escenas teatrais, ó tempo que se recreou o presente e o futuro mediante mostras de oficios artesanais que se desenvolveron nas carpas emprazadas no campo da festa de Albá. Nelas participaron profesionais lucenses que a día de hoxe seguen a residir e a vivir da actividade das aldeas. Houbo un ferreiro do Carballal (Palas de Rei), un canteiro de Pontaferreira (Antas de Ulla), unha oleira de Bonxe (Outeiro de Rei), un carpinteiro de Ribón (Becerreá), unha cesteira de Carballal (Palas de Rei), ademais dunha tecelá de Arbor, na Coruña, que está a obter moi boa acollida no mercado con pezas feita a man mediante o lino.

Así mesmo, os produtos lucenses protagonizaron a mostra de artesanía alimentaria. Neste senso, expoñeranse o viño da Ribeira Sacra (Adega da Veiga. A ermida. Belesar), os produtos lácteos de Arqueixal (Palas de Rei), o pan de Carteire (Panadería Irene, Palas de Rei), as Maruxas de nata de Cumbraos (Granxa Maruxa. Monterroso), as Galeguesas (Friguesía Santiago de Amorece), as menciñeiras do Coto (Milhalloa Soc. Coop. Palas de Rei), Estruga da Baixa Limia (Mestre Martín), e as Galletas Mariñeiras (Daveiga, Agolada).

Precisamente, foron esos produtos os que compuxeron o menú do Xantar na Aldea. Ademais, a música de Buxaina, María Castaña e Quenlla amenizaron toda a xornada. Tendo en conta o espazo dispoñible das carpas que se habilitarron para as mostras e co fin de garantir a accesibilidade ó Roteiro Teatral, o número de persoas que puideron participar en Son d´Aldea foi de 400. Deste xeito, organizaronse grupos de 50 persoas para ver as escenas teatrais xunto a unha guía que as explicou polo miúdo.

Máis colaboracións
Paralelamente e coincidindo ca cita festiva de Palas, o sábado outro equipo do Centro de Produción e Programas da TIC filmou a V concentración de coches clásicos que organizou a Escudería Portomarín Sport para a elaboración dun vídeo promocional sobre o evento.

Esta colaboración é froito do convenio que a Fundación TIC, dependente da Deputación, vén de asinar coa asociación deportiva para promocionar as actividades que desenvolve. Con esta última incorporación, a Fundación colabora con 46 empresas e asociacións sen ánimo de lucro para divulgar o seu labor. O principal obxectivo é proporcionar unha ampla experiencia laboral ós seus estudantes da Escola de Imaxe e Son co fin de abrirlles novas posibilidades á hora de atopar traballo.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet