Produtora » Novas de Lugo » 2011

12/12/2011

Aberto ata o 19 de decembro o prazo de inscrición para o curso de inglés audiovisual organizado pola Fundación TIC

imaxe do cartel do cursoimaxe do cartel do curso

O monográfico convócase en colaboración do Consorcio Audiovisual e a Consellería de Educación e celebrarase na Escola Oficial de Idiomas de Lugo a partir do 26 de xaneiro

Esta iniciativa forma parte do Plan de Formación continua do persoal docente e técnico da TIC e tamén está dirixido a alumnos e exalumnos da EIS e a profesionais do audiovisual

As probas de nivel desenvolveranse os días 10, 12 e 13 de xaneiro nas instalacións da EOI

A Fundación TIC, a través dun convenio de colaboración co Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, convoca un monográfico de inglés audiovisual que terá lugar na Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Lugo a partir do 26 de xaneiro. O curso terá unha duración de 50 horas lectivas mediante dúas xornadas á semana en horario de tarde para posibilitar a compatibilidade horaria co traballo dos profesionais.

Será impartido por profesores da EOI de Lugo, de tal xeito que os participantes terán a oportunidade de ampliar os seus coñecementos no mundo audiovisual. Con este curso a Fundación TIC aposta por unha formación de calidade ó tempo que mellora a cualificación tanto dos seus profesionais como dos alumnos e exalumnos da Escola de Imaxe e Son, o único centro da provincia que imparte ensinanzas no eido audiovisual.

Tamén está dirixido a profesionais do sector audiovisual, preferiblemente cun nivel lingüístico intermedio e intermedio-alto dunha escola oficial de idiomas, que estean familiarizados coa lingua inglesa, e que desexen potenciar e ampliar as súas destrezas comunicativas sobre todo no ámbito da industria dos medios audiovisuais.

A Fundación TIC subvenciona, en concepto de bolsa de formación, o 50% do custo do curso e ofrecerá ademais unha serie de actividades extraacadémicas relacionadas cos contidos do curso como visitas a rodaxes ou gravacións de programas, organización de master classes ou proxeccións de películas en versión orixinal.

Obxectivos
O obxectivo é que os participantes adquiran ou melloren o seu nivel de competencia na expresión e comprensión de certos aspectos específicos da lingua obxecto de estudo, tanto na súa forma falada como escrita, que lle permita desenvolverse en situacións coas que se poida atopar no seu ámbito profesional específico, proporcionándolle a información sobre as características fonéticas, as estruturas e normas de interacción comunicativa que poidan ter influencia nas situacións laborais e sociais máis frecuentes coas que se van enfrontar.

Estas actividades xorden da necesidade de especialización dos profesionais, que teñen que atender á demanda dun mercado audiovisual de marcado carácter transnacional e de contar coa presenza das empresas e produtoras galegas nos foros internacionais máis prestixiosos.

Inscricións e probas de nivel
O prazo de preinscrición estará aberto ata o 19 de decembro e conleva unha proba oral de nivel do idioma para a selección do alumnado a través dunha entrevista persoal que se celebrará nas instalacións da EOI. Terán lugar o vindeiro mes de xaneiro os días 10 (16 h a 17:30 h); 12 (20:30 h a 22 h) e 13 (16 h a 17:30 h). A lista de admitidos publicarase o 16 de xaneiro. A prescrición pode realizarse entregando o formulario na secretaría da EOI de Lugo ou a través dos correos electrónicos formacion@consorcioaudiovisualdegalicia.org e eoi.lugo@edu.xunta.es.

Formulario de inscripción


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet