Produtora » Novas de Lugo » 2012

12/12/2012

Alumnos da Escola de Imaxe e Son fan prácticas reais gravando un CD de cantos de Nadal con fins solidarios

Alumnos da Escola de Imaxe e Son fan prácticas reais gravando un CD de cantos de Nadal con fins solidariosAlumnos da Escola de Imaxe e Son fan prácticas reais gravando un CD de cantos de Nadal con fins solidarios

Estudantes da EIS participaron, nos estudios EC do Corgo, no proceso de gravación e mesturas do CD Cantos de Nadal, que inclúe 10 temas producidos por Eloi Caldeiro e con cuxas vendas mercaranse xoguetes para os nenos e nenas máis desfavorecidos da provincia
É unha acción promovida por Sons Galiza Comunicación con motivo do seu 25º aniversario e coa que os alumnos da EIS puideron completar con prácticas reais a formación que reciben no único centro público da provincia que ofrece formación profesional da familia audiovisual

Os alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC veñen de ampliar aínda máis a súa formación coas prácticas reais realizadas durante o proceso de gravación e mesturas do CD con fins solidarios Cantos de Nadal, que recolle 10 temas do compositor e produtor Eloi Caldeiro. Durante dúas semanas, os alumnos puideron participar no proceso de creación deste traballo, que se levou a cabo nos estudos de gravación EC, ubicados no Concello do Corgo. O CD porase á venda entre os días 16 e 26 de decembro co xornal La Voz de Galicia. Todo o recadado adicarase á compra de agasallos para os nenos e nenas máis desfavorecidos da provincia, tal e como adiantou hoxe o Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, na presentación desta “iniciativa solidaria”. No acto, que tivo lugar en ditos estudos do municipio corgués, tamén participaron representantes da Voz, ademais de Caldeiro.
O músico Eloi Caldeiro foi o encargado da creación deste disco, que inclúen 10 composicións típicas do Nadal, entre elas unha composta polo propio Caldeiro; catro cantos tradicionais galegos; unha panxoliña vasca e outra catalana e tres pertencentes a outros países, coma Alemaña ou Inglaterra. O primeiro tema do disco conta coa colaboración de destacados nomes da música galega e internacional, como os de Rosa Cedrón e Susana Seivane, que prestan as súas voces; a interpretación ó violín de Oleksandre Savuch ou da gaita galega, a gaita midi e o wisthle a cargo do músico Anxo Lorenzo, quen tamén colabora noutros temas do disco. Os arranxos musicais correron a cargo de Alberto Gambino.
Sons Galiza Comunicación promove con motivo do seu 25ª aniversario este proxecto que conta co apoio da Deputación e da Voz de Galicia, responsable da distribución do CD xunto co xornal entre o domingo 16 de decembro e o 26 do mesmo mes. Nesta última data, farase chegar o importe recadado coa venda a Sons Galiza Comunicación co fin de mercar xoguetes que, posteriormente, se distribúan entre os nenos e nenas máis desfavorecidos da provincia. O reparto levarase a cabo a través de todos os Concellos lucenses que soliciten tomar parte nesta iniciativa, poñéndose en contacto directamente con Sons Galiza.

Solidariedade e prácticas laborais
Ó tempo que prestaron a súa colaboración para poñer en marcha esta iniciativa, os alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC tiveron unha nova oportunidade de completar a formación que reciben no único centro público da provincia que imparte ensinanzas superiores da familia audiovisual. A complementación con numerosas prácticas que favorezan a posterior integración dos alumnos no mundo laboral é unha das prioridades dos responsables da Escola. Na actualidade, a TIC mantén contacto con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia e ten asinados máis de 100 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais.

A Escola de Imaxe e Son de Lugo oferta oferta 44 prazas, 22 para cada un dos módulos superiores: Realización e Produción de Audiovisuais, ademais de contar con matrícula gratuíta dende hai cinco anos, agás para os alumnos repetidores, co fin de apoiar un ensino público de calidade e accesible a todos.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet