Produtora » Novas de Lugo » 2012

10/05/2012

A Fundación TIC incrementa o seu servizo en apoio ós colectivos sociais da provincia

aa

O Presidente asina novos convenios coa Sociedade Protectora de Animais e Prantas, Proxecto Danza e Fundación Juan Soñador para a realización de proxectos audiovisuais coa colaboración dos estudantes da Escola de Imaxe e Son
- A TIC incrementou nun 400% no último ano este servizo para potenciar o traballo de asociacións sen ánimo de lucro e aumentar a formación práctica dos alumnos da EIS

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, o Presidente de Proxecto Danza, Xabier Iglesias Castro, e os Directores da Sociedade Protectora de Animais e Prantas e da Fundación Juan Soñador en Lugo, Francisco Javier García Calleja e Jesús Hernández Álvarez, respectivamente, asinaron este xoves novos convenios de colaboración en promoción destes colectivos. Os acordos establecen que técnicos da Fundación TIC, sempre coa colaboración de alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), realizarán traballos audiovisuais cun dobre obxectivo: divulgar o labor social e cultural destas asociacións na provincia e incrementar a formación práctica dos estudantes do único centro en Lugo que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual de cara a facilitar a súa inserción laboral.

A Fundación TIC xa ten acordados os primeiros traballos con estes colectivos. Deste xeito, para dar cobertura ás accións de concienciación cidadá da Sociedade Protectora de Animais e Prantas de Lugo, técnicos e bolseiros gravarán o concerto benéfico, que terá lugar o vindeiro sábado, 11 de maio, no Auditorio Gustavo Freire. Trátase dunha iniciativa na que participarán o Mago Rafa, Clave de Fado, Pachi Mouriño, Os Destiliers, Os Triglicéridos, Xabi Pérez e tamén a eurovisiva Lucía Pérez. Posteriormente, tamén realizarán unha reportaxe da exposición “Artistas Plásticos coa Protectora”, que esta entidade sen ánimo de lucro leva ó Centro social Uxío Novoneira, en Lugo.
A TIC gravará tamén o próximo espectáculo de Proxecto Danza, que terá lugar o 19 de maio, ás 20.30 horas, no Auditorio Municipal Gustavo Freire. O equipo de técnicos e estudantes da TIC realizarán, ademais, un vídeo-documental de 15 minutos de duración, que leva por título “A interculturalidade na Infancia” para a Fundación Juan Soñador. Este traballo empregarase de material gráfico e testemuñal no “V Encontro de Culturas”, que organiza o Concello de Lugo para o 24 de maio. O audiovisual recollerá as testemuñas sobre as expericiencias vividas na cidade entre nenos lucenses e doutros países, que participaron en programas de acollida de mencionada Fundación.

Protectora de Animais e Prantas
A Sociedade Protectora leva case 30 anos de actividade na provincia e, actualmente, teñen moitas dificultades para atender ós máis de 400 cans que acollen. Trátase dunha cifra que supera a axeitada para o benestar dos animais debido ó escaso persoal e os medios económicos cos que conta. Catro persoas encárganse dun xeito continuado da atención dos animais nas instalacións que a Protectora ten en Santa María de Muxa. Malia e todo, este ano a Protectora acadou que máis de 480 cans fosen adoptados.
10 anos de “sonos e compromisos”
A Fundación Juan Soñador é unha iniciativa social da Familia Salesiana, que xurdiu no ano 2002 en resposta á prevención, educación e promoción social de nenos e nenas, adolescentes, mozos e familias, que se atopan en situación de risco exclusión social. Este ano, a Fundación celebra o seu décimo aniversario baixo o lema “Sonos e Compromisos”. Para conmemorar esta data, teñen preparadas novas actividades de divulgación social e inserción laboral, que se desenvolverán en Galicia, Asturias e Castilla e León. En Lugo, conta con sede dende os seus inicios. Atópase na praza da Milagrosa onde, na actualidade, celébranse dous programas de atención á infancia e voluntariado. Un deles é “Espabila, disfruta do tempo de lecer”, no que participan 25 nenos, de entre 6 a 12 anos, que residen en centros de menores. Outro é “Na rúa”, un programa socioeducativo, dirixido á integración de adolescentes e familias. Forman parte do mesmo 15 rapaces, de entre 13 a 16 anos, que contan con actividades de apoio educativo e ocio, así como con obradoiros sociais individuais ou en grupo.

Proxecto Danza
Proxecto Danza é unha asociación aberta e sen ánimo de lucro, que naceu na capital no ano 2009. Dende entón, artistas da provincia compoñen innovadores espectáculos co fin de impulsar a danza e dar a coñecer os novos talentos da provincia. Actualmente, están a traballar nun proxecto denominado “Latexo”, que se mestura a videocreación coa música en directo. Ten a súa orixe no baile tradicional pero tamén inclúe movementos de arte urbano e hip hop. Trata sobre o amor, o desamor, o sentimento do individuo, a liberdade, a terra, o mar e a esperanza.

A TIC, ó servizo da provincia
A Fundación TIC ten asinados máis de medio cento de convenios con asociacións sen ánimo de lucro da provincia e mantén contratos con máis de 60 empresas nacionais do sector multimedia. O principal obxectivo destes acordos é proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da EIS para que completen a súa formación e poidan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector audiovisual. Entre as organizacións coas que colabora a Fundación TIC figuran ONGs e asociacións culturais para apoiar o seu labor social e impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade; entidades deportivas, que fomentan o deporte base; así como empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. No último ano, a Fundación TIC incrementou en máis dun 400% os convenios asinados con colectivos lugueses.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet