Produtora » Novas de Lugo » 2013

16/09/2013

A Escola de Imaxe e Son de Lugo impulsará a iniciativa emprendedora dos alumnos coa creación do Día da Empresa

Inauguración curso 2013-2014Inauguración curso 2013-2014

O Presidente da TIC explicou que “o alumnado presentará os seus proxectos de fin de ciclo ás empresas do sector para procurar a súa inserción laboral” e destaca que a escola de FP se está a converter na referencia da educación audiovisual en Galicia.
Besteiro inaugurou o curso 2013-2014 xunto á directora de cine Gracia Querejeta, da que destacou “a súa traxectoria coherente e con rigor ante os problemas sociais”
O máximo responsable da Fundación TIC defende “unha Formación Profesional moderna e intimamente conectada co mundo da empresa no que aumenten as horas prácticas”

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a directora de cine Gracia Querejeta inauguraron este luns o curso 2013-2014 da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual e que, por sexto ano curso consecutivo, cubriu as 44 prazas dos ciclos Superiores de Realización e Produción e mantén as matrículas gratuítas agás para repetidores.
No acto, ó que ademais dos alumnos, asistiu numeroso público, Gómez Besteiro destacou “a importancia que ten para a formación de calidade dos nosos alumnos o encontro con profesionais do prestixio de Gracia Querejeta, membro dunha xeración de novos directores e directoras con voz propia dentro do cine español e que, neste caso, está de plena actualidade polo seu último traballo,15 años y un día, unha das catro películas que opta a representar a España nos Oscar”.
O máximo responsable provincial destacou de Querejeta “a súa traxectoria coherente e con rigor ante os problemas sociais, unha inquedanza que tamén recolle na súa última película, na que aborda o mundo da adolescencia e un tema de grande actualidade e de especial interese para nós: o sistema educativo e o fracaso escolar”.
Besteiro lembrou que desde a súa chegada á Deputación, estase conseguindo un obxectivo predefinido: converter a EIS de Lugo na Escola de referencia en Galicia da Formación Profesional no eido audiovisual co obxectivo de formar ós mellores profesionais para que poidan acceder ó mercado de traballo coñecendo a realidade e as demandas do sector. “Temos moitas felicitacións de empresas audiovisuais pola calidade e preparación do noso alumnado que, comparado co de outras escolas en Galicia, goza de maior nivel e está acostumado a escenarios reais”, destacou.
“Este ano crearemos novas liñas de colaboración coas empresas e orientaremos ós alumnos para que os seus proxectos de fin de ciclo sexan innovadores, creativos e con visión emprendedora. É dicir, que os traballos finais do módulo Proxectos de Fin de Ciclo, que se imparte por primeira vez este curso, poidan interesar ás empresas e sexan unha oportunidade de inserción laboral para os alumnos”, apuntou. Dentro do obxectivo de reforzar a relación co mundo empresarial, o máximo responsable da TIC anunciou que “este curso a Fundación estreará o Día da Empresa. Será unha xornada na que os alumnos presentarán os seus proxectos de fin de ciclo ás empresas relacionadas co sector audiovisual e multimedia, desde produtoras a xornais dixitais”.
O Presidente provincial dixo que tamén “queremos sensibilizar e animar ás empresas a que se involucren na educación empresarial dos alumnos. A Formación Profesional debe estar intimamente conectada co mundo da empresa, co obxectivo de que o sistema educativo contribúa nestes momentos decisivos á creación de emprego”.
Na opinión de Gómez Besteiro “é necesario cambiar a visión da Formación Profesional e potenciar a educación intermedia, porque unha FP moderna como a que promovemos na TIC é clave na recuperación económica para que as empresas dispoñan de traballadores cualificados de titulacións intermedias”.
Ademais de reforzar a relación co mundo empresarial, no vindeiro curso a Fundación TIC afondará nun dos seus sinais de identidade: a formación práctica. Haberá un equilibrio, ó 50%, entre formación teórica e práctica para o que se conta cunhas instalacións e dotacións modernas, e cun equipo de docentes e de técnicos auxiliares docentes con ampla experiencia nos medios audiovisuais. Ademais continuarán as habituais prácticas en escenarios reais.

No acto de inauguración, Gracia Querejeta mantivo un encontro cos alumnos, ós que expuxo a súa experiencia e atendeu as cuestións formuladas polo público presente. A cineasta madrileña comezou como auxiliar de dirección en “Dulces horas”, en 1981, ás ordes de Carlos Saura. En 1988 dirixiu a curta “Tres en la marca” e en 1990 realizou, xunto a Jesús Ruiz e Nacho Pérez de la Paz, “El Viaje del agua”, premio Goya ó mellor documental español.

Foi en 1992 cando dirixíu a súa primeira película en solitario, “Una estación de paso”, á que lle seguiron “El último viaje de Robert Rylands” e “Cuando vuelvas a mi lado”. En 2004 dirixiu “Héctor”, galardoada co premio á mellor película no Festival de Málaga do Cine Español e, en 2007, “Siete mesas de billar francés”, con varias candidaturas ós Goya, entre elas á mellor dirección. En 2008 recibiu o premio Ciudad de Cuenca do Festival Internacional de cine Mulleres en Dirección en recoñecemento á súa traxectoria. O seu último traballo é “15 años y un día” co que volveu gañar a Biznaga de Ouro á mellor película no Festival de Cine Español de Málaga e unha das catro longametraxes preseleccionadas para optar a representar a España nos premios Oscar.
Gracia Querejeta súmase a unha longa lista de profesionais de prestixio, referentes no mundo audiovisual a nivel nacional e internacional, que expuxeron a súa experiencia na TIC, como os directores Imanol Uribe, José Luis Cuerda, Ángel de la Cruz, Jorge Coira e Carlos Sedes; os produtores José María Besteiro, Julio Fernandez e Pedro Revaldería; os actores Luis Tosar e Antonio Mourelos; o compositor e produtor musical Arturo Vaquero ou o técnico de son e produtor artístico, Segundo Grandío.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet