Produtora » Novas de Lugo » 2013

01/10/2013

A TIC apoia ó comercio de Lugo coa gravación este xoves da IV Noite Aberta

Imaxe presentación noite abertaImaxe presentación noite aberta

-Alumnos de 2º da Escola de Imaxe e Son recollerán nun DVD o desfile de moda que presentará Lucía Pérez e amenizará o DJ Marcos Magán
-Máis de 70 establecemento participan nesta nova edición da Noite Aberta que inclúe importantes descontos e animación polas rúas
-Regina Polín destacou a importancia desta colaboración “coa que apoiamos un sector estratéxico da economía da nosa provincia e proporcionamos unha práctica nun escenario real ós nosos alumnos”

Alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS) gravarán, baixo a supervisión de docentes e técnicos da Fundación TIC, organismo dependente da Deputación, a cuarta edición da Noite Aberta que se celebra este xoves de 18:00 a 23:00 horas no casco histórico de Lugo. No evento, organizado pola Asociación de Autónomas, participarán máis de 70 establecementos e incluirá como principal novidade un desfile de moda na Praza Maior, diante do Concello, que será presentado pola cantante Lucía Pérez e amenizado polo DJ Marcos Magán.
A Deputada e padroa da Fundación, Regina Polín, subliñou “a importancia que ten para nós este tipo de colaboracións xa que, por unha banda, apoiamos un sector estratéxico para a nosa economía, como é o comercio e, por outra, proporcionamos ós nosos alumnos unha práctica nun escenario real, cumprindo cunha das nosas prioridades: unha formación de calidade e axeitada ás demandas do sector audiovisual”.
A Noite Aberta 2013 foi presentada este martes nun acto no que, ademais da padroa da TIC, estiveron a presidenta da Asociación de Autónomas, Nora Real, o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, a Directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez, a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, e a Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias.
Descontos, desfile e animación nas rúas
O desfile de moda comezará ás 18:00 horas e, unha vez rematado, os establecementos participantes, que estarán abertos ate as 23:00 horas, ofrecerán descontos, cócteles, catering, sorteos, música en vivo e moitas sorpresas. Nesta nova edición da Noite Aberta tamén destacará a animación nas rúas con batucada, pernilongos, acrobacias sobre teas e bailes.
Segundo avanzou Regina Polín, “alumnos de 2º de Realización e Produción da EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual, serán os encargados de gravar tanto o desfile como o ambiente nas rúas. Con este material elaborarase un DVD e reportaxes que contribuirán a promover os establecementos participantes e o comercio lucense en xeral”.
A TIC co comercio de Lugo
Esta colaboración súmase a outras como a Feira Oulet ou o Street Market, ó abeiro do convenio asinado coa Asociación de Autónomas para potenciar as actividades que organiza en prol do comercio e dos autónomos. Na actualidade a TIC colabora con máis dun cento de asociacións sen ánimo de lucro.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet