Produtora » Novas de Lugo » 2013

29/10/2013

A Fundación TIC contribúe á difusión do VII Encontro Internacional de Micoloxía do Arco Atlántico

- Alumnos e bolseiros da EIS, co apoio do persoal técnico da TIC, gravarán o congreso que organiza en Lugo a Sociedade Micolóxica Lucus, entidade sen ánimo de lucro

- A colaboración inclúe a realización de reportaxes e vídeos co contido íntegro dos relatorios para a súa difusión en medios de comunicación de todo o país, redes sociais e no canal de youtube da SML

Alumnos, bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo, co apoio dos profesionais da Fundación TIC, realizarán a gravación íntegra dos relatorios e actividades do VII Encontro Internacional de Micoloxía do Arco Atlántico, que se celebra do 31 de outubro ó 3 de novembro en Lugo, organizado pola Sociedade Micolóxica Lucus (SML), entidade sen ánimo de lucro de ámbito provincial. O equipo da TIC realizará varias reportaxes para a súa difusión en medios de comunicación de todo o país e redes sociais, e editará vídeos co contido íntegro dos relatorios, que se poderán seguir no canal de youtube da SML.

Alto nivel científico

A Sociedade Micolóxica Lucus organiza por primeira vez o Encontro, que ofrece un alto nivel científico, combinando o estudo práctico con saídas ó campo e traballos en salas técnicas con conferencias e comunicacións abertas ós asistentes, que van impartir expertos e investigadores de prestixio internacional. A cita inclúe un programa de visitas pola capital de muralla e a provincia co fin de dar a coñecer o seu patrimonio histórico- artístico e riqueza medioambiental

Colaboración e prácticas profesionais

A Fundación TIC leva tres anos colaborando coa Sociedade Micolóxica Lucus para apoiar o seu labor científico e divulgativo na provincia, e difundir os proxectos que desenvolve, como as Xornadas de Micogastronomía, nas que as cámaras da TIC facilitaron o seguimento das sesións por parte do público.
Na actualidade, a TIC ten asinados convenios con mais dun centenar de ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir as súas actividades mediante a realización de proxectos audiovisuais, na procura de complementar os coñecementos teóricos dos seus alumnos con numerosas prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa integración no mundo laboral.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet