Produtora » Novas de Lugo » 2013

04/11/2013

A TIC divulgará o IV Día da Ciencia en Galego coa gravación da conferencia de Alonso Montero este luns na Deputación

-Alumnos de ESO e Bacharelato de varios centros da provincia asistirán á charla do presidente da Real Academia Galega no Salón de Actos ás 12:00 horas

-A colaboración da Fundación forma parte do convenio con IGACIENCIA, a asociación lucense que promove a divulgación científica en centros de primaria e secundaria de toda Galicia

A Fundación TIC gravará a conferencia que impartirá o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o 4 de novembro no Salón de Actos da Deputación organizada pola asociación IGACIENCIA con motivo do IV Día da Ciencia en Galego. Bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS) realizarán esta práctica ó abeiro do convenio que veñen de asinar a patroa da Fundación e Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, e o presidente de IGACIENCIA, Manuel Díaz Regueiro.

Polín sinalou que “este é un exemplo do traballo que realiza a TIC para divulgar o labor que desenvolven asociacións sen ánimo de lucro que, no caso de IGACIENCIA, traballa en prol da ciencia galega e do galego na ciencia”. A padroa da TIC tamén destacou “o feito de que os principais destinatarios da súas actividades sexan os alumnos de primaria e secundaria, que forman o futuro da nosa sociedade, e de que sexan outros alumnos, neste caso ós da EIS, os que contribuirán a darlles unha maior difusión”.

Pola súa banda, Díaz Regueiro dixo que “o obxectivo desta colaboración coa TIC é dar unha maior proxección ó Día da Ciencia en Galego e ás investigacións realizadas por Alonso Montero neste campo”.

Primeiras manifestacións científicas en galego

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero impartirá unha conferencia que ten por título “Primeiras manifestacións científicas formuladas en lingua galega”. Esta charla será o acto central da programación prevista por IGACIENCIA para conmemorar o Día da Ciencia en Galego, que continuará o 13 de novembro con outra conferencia ás 19:00 horas sobre “A xeometría na obra plástica de Senén Olano”, na sala de exposicións da Deputación. O día 15, ás 11:30 horas, Marcelino Maneira, da Facultade de Ciencias de Lugo, falará sobre “Estética e semiótica da química: formulando con arte”, no salón de actos do IES Leiras Pulpeiro e, por último, o 20 de novembro o arqueólogo Felipe Senén será o encargado da charla titulada “Cosmogonías galegas”.

Asociación nacida en Lugo

IGACIENCIA naceu en Lugo en 2007 da man dun grupo de profesores de secundaria da provincia, aínda que na actualidade estende a súa actividade a toda Galicia. O seu principal obxectivo é a divulgación científica en galego entre os alumnos de primaria e secundaria. Organiza ó longo do ano numerosas actividades como o Concurso Galego de Robótica, o Congreso de Sofware Libre para Educación, O Concurso Invéntate en Galego ou Xornadas de Arte e Ciencia.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet