Produtora » Novas de Lugo » 2013

06/11/2013

A TIC apoia á Asociación Antonio Gandoy, continuadora do labor de Preescolar na Casa

- A Fundación retoma a colaboración que mantivo ata o final con este programa pioneiro en España que desapareceu en xuño de 2012

- Polín afirma que “contribuiremos a poñer en valor 35 anos de traballo educativo a través das accións que levará a cabo esta asociación a prol da infancia temperá e as súas familias”

- O convenio súmase ós 110 que ten asinados a TIC con diversas organizacións para difundir o seu labor e servir de práctica a alumnos e bolseiros da EIS

A Fundación TIC colaborará coa Asociación socio-educativa Antonio Gandoy na difusión das actividades desta organización, que nace co fin de preservar o legado de Antonio Gandoy, principalmente o vinculado ó programa Preescolar na Casa. Este é un dos obxectivos do convenio asinado este martes entre a padroa da TIC, e Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, e a presidenta da asociación, María Luisa Rey Otero. O acordo tamén inclúe a participación de alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS) nos produtos audiovisuais que se elaboren coa finalidade de que completen a súa formación práctica.


Regina Polín amosou a súa especial satisfacción con esta colaboración xa que “contribuiremos a poñer en valor 35 anos de traballo educativo a través de novas actuacións dirixidas á infancia temperá e as súas familias, aínda que dun xeito máis modesto, xa que esta asociación está a dar os seus primeiros pasos e conta con poucos recursos”.


Neste senso afirmou que “esta organización nace da man de dez antigos traballadores de Preescolar na Casa, o programa educativo que puxo en marcha Antonio Gandoy, coñecido como o creo da bicicleta, en 1977 e que tivo que pechar en xuño de 2012 pola retirada de fondos da Xunta”.


A TIC retoma a colaboración

A patroa da Fundación dixo que “co convenio que hoxe asinamos, a TIC retoma a colaboración que mantivo ata o final con Preescolar na Casa, un programa considerado en diferentes foros internacionais como modélico e que tivo grande éxito, sobre todo, no rural”. O anterior convenio incluía a gravación dun programa de radio semanal nos estudos da Fundación para a súa difusión en varias emisoras a nivel provincial e galego, ademais da elaboración de diversos produtos audiovisuais.


Preescolar na Casa, un programa pioneiro en España tiña como obxectivo fundamental paliar os efectos que a dispersión da poboación do rural tiña no ámbito formativo dos nenos de 0 a 3 anos. Chegou a atender a 5.000 familias en toda Galicia.


Importancia educativa da familia

A asociación socio-educativa Antonio Gandoy é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como fins primordiais defender e reivindicar a importancia educativa da familia nos primeiros anos, así como o compromiso coa lingua, a cultura e a contorna. “Convencidos de que a familia é insubstituíble no proceso educativo da infancia e que o fogar é o primeiro e máis importante ambiente de aprendizaxe, pretendemos contribuír o óptimo desenvolvemento dunha práctica parental positiva”, apuntou María Luisa Rey.

Este convenio súmase ós 110 que ten asinados a Fundación con diversas organizacións para a difusión das súas actividades.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet