Produtora » Novas de Lugo » 2013

14/11/2013

A Fundación TIC apoia a celebración de INTERGALNET, o I Encontro de Gaming e Ocio Electrónico de Lugo

-Alumnos e bolseiros da EIS, co apoio do persoal técnico da TIC, realizarán a emisión en streaming da festa, que tamén poderá seguirse in situ a través de dúas pantallas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo

-A colaboración inclúe a elaboración dunha reportaxe, a edición dun DVD divulgativo e a rodaxe dunha curta durante a celebración do evento

Alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo, co apoio dos profesionais da Fundación TIC, realizarán a gravación de INTERGALNET, o I Encontro de Gaming e Ocio Electrónico de Lugo, para a súa emisión en streaming, a través da súa páxina web www.intergalnet.com. A gravación permitirá tamén a reprodución simultánea de todo o que aconteza nas dúas pantallas que se van instalar no recinto, a elaboración dunha reportaxe e a edición dun DVD para divulgar o evento, que se vai desenvolver de xeito ininterrompido dende as 16:00 horas deste venres día 15 ata as 20:00 horas do domingo 17 no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo.

A colaboración da TIC con INTERGALNET comezou coa realización de dous vídeo-anuncios para promover o encontro a través do canal Youtube e das redes sociais. Por outra banda, o equipo da TIC prestará apoio técnico na rodaxe dunha curtametraxe, que se levará a cabo durante a celebración do evento.

A festa do lecer electrónico

A Fundación Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo organiza o Encontro, no que os asistentes poderán navegar por internet, descargar arquivos a gran velocidade, e participar en competicións on line en numerosos videoxogos.

Unhas 800 persoas terán a posibilidade de competir en liña, e mesmo coñecer xogadores profesionais como o dúas veces campión do mundo do FIFA, o videoxogo de fútbol máis popular, e algúns dos youtubbers que contan con maior número de seguidores. Ademais dos inscritos, os visitantes tamén terán a posibilidade de participar de balde nas competicións.

O apoio socioeconómico da TIC

A Fundación TIC ten subscrito convenio de colaboración coa Fundación Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo co fin de divulgar os proxectos que desenvolve de cara a promoción socioeconómica da provincia.
Na actualidade, a TIC ten asinados convenios con máis dun centenar de ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir as súas actividades mediante a realización de proxectos audiovisuais, na procura de complementar os coñecementos teóricos dos seus alumnos con numerosas prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa integración no mundo laboral.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet