Produtora » Novas de Lugo » 2013

19/11/2013

Ensino de calidade, innovación e cultura emprendedora, claves da Fundación TIC para o emprego en 2014

  • archivos/fotos/grandes/_77K2280.jpg

  • archivos/fotos/grandes/_77K2286.jpg

  • archivos/fotos/grandes/_77K2292.jpg







- O Padroado aproba un orzamento de 3,1 millóns de euros, dos que 1,6 proceden de fondos europeos para o Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia

- Gómez Besteiro anunciou que a TIC apostará pola animación e os videoxogos, “un dos sectores con máis proxección laboral na industria do entretemento, e dinamizará a súa relación coa empresa e a universidade”

- Manterase a matrícula gratuíta, a cooperación cos Concellos e organización sen lucro, e as bolsas formativas no estranxeiro

O Padroado da Fundación TIC aprobou este martes o presuposto para 2014, que ascende a 3.189.240 euros. Desta cantidade, 1.603.785 euros proceden de fondos europeos do InnovaTE2 destinados, neste caso, ó Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia que xestionará a TIC no Centro de Innovación Social, In Lugo, a través dunha encomenda da institución provincial. Á marxe da achega europea, a Fundación mantén desde 2009 o mesmo orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros.


O Presidente da Fundación e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que “a máxima prioridade destes presupostos é o emprego, e para acadar este obxectivo vincularemos a formación de calidade que reciben os alumnos da única Escola de Imaxe e Son da provincia coa innovación e a cultura emprendedora”. En 2014 a Fundación “afrontará novos retos e dinamizará a relación co mundo empresarial e a universidade para garantir unha Formación Profesional moderna que se adapte ás necesidades dun sector audiovisual e multimedia en continua evolución”.


Ademais avanzou que o ano que vén a TIC promoverá actividades destinadas a mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas da terceira idade a través das novas tecnoloxías.


Novo reto: a animación e os videoxogos

Entre os novos retos, Gómez Besteiro anunciou que “a TIC apostará pola animación e os videoxogos, un dos sectores con máis crecemento e proxección laboral na industria do entretemento”. Esta actividade estará incluída no programa de formación complementaria destinada a alumnos e exalumnos da EIS. O curso de animación e videoxogos, que terá unha duración de seis meses, será unha das novidades deste programa complementario que o ano que vén ampliará a súa oferta para que estea en sintonía coas demandas dun sector en continuo cambio.


Fronte a crise, cultura emprendedora

O máximo responsable da TIC afirmou que “nestes tempos de crise queremos dotar ós nosos alumnos das habilidades necesarias para que poñan en marcha proxectos innovadores que contribúan á modernización da industria audiovisual e multimedia”. Nesta tarefa involucrarase ás empresas coa organización de encontros nos que os estudantes terán contacto directo con experiencias empresarias e coñecerán de primeira man todo o proceso emprendedor, desde o momento no que xurde a idea ata a busca de recursos, o deseño do proxecto e a súa posta en funcionamento.

Ademais, crearase o Día da Empresa, unha xornada na que os alumnos da EIS presentarán a firmas do sector os traballos que xurdan do módulo Proxectos de Fin de Ciclo, que se imparte por primeira vez este curso.


Matrícula gratuíta e bolsas no estranxeiro

O Padroado acordou manter en 2014 o esforzo inversor para que a matrícula sexa gratuíta por sétimo ano consecutivo, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades. Destaca tamén a partida de 70.000 euros destinada ó programa de bolsas en máis de 70 empresas de ámbito nacional nas que os titulados da Escola poderán completar a súa formación. Ademais, 20 exalumnos formaranse no estranxeiro grazas ás bolsas do programa europeo Leonardo da Vinci.


Cooperación cos Concellos e benestar dos maiores

A cooperación cos Concellos seguirá a ser un dos eixos sobre os que pivotará a actividade da Fundación coa elaboración de contidos audiovisuais que promovan os municipios da provincia tanto turística como economicamente e potenciarase a colaboración coas entidades sociais, culturais e de deporte base.


Por outra banda, Gómez Besteiro dixo que as novas tecnoloxías e a innovación “tamén xogan ó noso favor nunha provincia como a de Lugo, cun alto índice de avellentamento e dispersión demográfica, xa que é unha ferramenta moi útil á hora de mellorar a calidade de vida e o benestar dos nosos maiores. Con esta finalidade a TIC promoverá no In Lugo actividades destinadas a estimular, dun xeito ameno, as súas habilidades físicas e mentais e facilitarlles ó seu día a día á hora, por exemplo, de comprar ou solicitar unha cita médica a través de internet ou realizar xestións administrativas desde as súas casas”.


Pago a provedores
Na reunión do Padroado tamén se deu conta do informe no que se recolle o período medio de pago a provedores nos tres primeiros trimestres de 2013, “un exemplo de boa xestión, xa que a media de pago da TIC é de 18,76 días, fronte ós 60 de máximo que establece a lei”.




< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet