Produtora » Novas de Lugo » 2011

20/01/2011

Alumnos da Escola de Imaxe e Son comezan en Castroverde a gravación da curta “Aliendu”

aliendualiendu

A rodaxe da cinta, que forma parte da programación do centro educativo como proxecto de fin de curso, desenvolverase ata o xoves en San Xulián de Pereiramá, Pena e Uriz.

Alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, dependente da Deputación, comezaron este martes no Concello de Castroverde a gravación da “Aliendu”, unha curtametraxe que conta a historia de amor dunha parella que se ve na obriga de fuxir na procura dun lugar onde a súa relación teña futuro. Esta nova cinta foma parte da programación do centro educativo como traballo de fin de curso.

Os núcleos de San Xulián de Pereiramá, Pena e Uriz son os escenarios da rodaxe, que se prolongará ata o xoves. Na elaboración do filme traballan 14 alumnos da Escola de Imaxe e Son, entre os equipos de produción e realización. O director da curta, Breixo Llano, explica que esta cinta baséase en feitos reais, pois conta a historia de dous mozos, Manuel e Josefa -el da Fonsagrada e ela de Asturias- que se coñeceron na feira da poboación asturiana de Valdebois e se namoraron. Ante a oposición do pai dela á súa relación, decidiron fuxir á Fonsagrada. A trama desenvólvese a principios do século pasado.

Brais Abad e Rosalía Castro interpretan á parella protagonista da curta, na que traballan tamén outros dous actores profesionais: Fernando Morán e Sacha, como o pai e un dos irmáns da moza, respectivamente. O papel do outro irmán dela faino Rubén Pérez Pombo e o dun amigo que escondeu á parella na súa casa, Miguel Grandío.


O título do traballo, “Aliendu”, é un guiño á parte asturiana desta historia. Significa “aliento ou respiración forte” e, segundo lembra o director da curta, fai referencia ós esforzo da parella protagonista na súa fuxida.

Proxectos de fin de curso
Durante este curso académico, os estudantes da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, o único centro na provincia que imparte titulacións superiores en materia audiovisual, levarán a cabo a gravación de dúas curtas para presentar como proxecto de fin de estudos.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet