Produtora » Novas de Lugo » 2011

20/06/2011

A Escola de Imaxe e Son abre hoxe o prazo de preinscrición de matrícula que será gratuíta por 4º ano consecutivo

Regina Polín acompañada dun dos alumnos de realizaciónRegina Polín acompañada dun dos alumnos de realización

Este esforzo económico da Fundación TIC tradúcese nunha elevada demanda, xa que os tres últimos anos cubríronse todas as prazas nas dúas modalidades ofertadas.
O prazo rematará o 8 de xullo. O 12 publicarase a listaxe de admitidos para formalizar a matrícula entre o 14-22, na sede do centro educativo en horario de mañá.
Dende o arranque da única escola de Imaxe e Son da provincia, preto de 260 alumnos cursaron os seus estudos nos ciclos de Produción e Realización, dotados con 2.000 horas lectivas e dous cursos académicos.
Regina Polín anuncia que a EIS vén de ser seleccionada polo Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos, a través do cal 20 alumnos poderán completar a súa formación en empresas do sector en Portugal, Italia e Reino Unido .

A Deputada de Economía en funcións e Padroa da Fundación TIC, Regina Polín, anunciou este luns que a Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS), dependente da Deputación, abriu hoxe o prazo para formalizar a preinscrición da matrícula para o curso 2011-2012. Un ano máis, a EIS ofrece os ciclos superiores de “Produción” e “Realización de Audiovisuais, Radio e Espectáculos”, dotados con 2.000 horas lectivas e dous cursos académicos cada un. A Escola de Imaxe e Son, o único centro da provincia que imparte ensinanzas da familia audiovisual, ten a matrícula gratuíta por decisión do actual equipo de goberno. Tal e como explicou Regina Polín, este esforzo económico da Fundación TIC –composta pola Escola e unha produtora onde os estudantes fan as prácticas-, tamén se manterá o vindeiro curso. Ata o momento a aposta pola educación gratuíta traduciuse nunha elevada demanda, xa que os tres últimos anos se cubriron todas as prazas e houbo lista de espera.

“A TIC non cobra a matrícula a todos os que queiran cursar estudos por cuarto ano consecutivo, o cal é moi importante para as familias neste momento. É un esforzo que facemos e que dá resposta a un dos obxectivos que nos marcamos ó principio desta etapa”. Asimesmo, a Deputada en funcións tamén recoñeceu que non descarta a posibilidade de cursar algún dos módulos que oferta a EIS.

O prazo para reservar unha praza rematará o 8 de xullo, polo que o día 12 do mesmo mes publicarase a listaxe de admitidos, quenes deberán formalizar a matrícula dende o 14 ó 22 de xullo, na sede do centro educativo, situada na rúa Frei Prácido Rei Lemos, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tanto o impreso como a documentación correspondente, poderase descargar a través do portal web, www.fundaciontic.org.

Ademais da Padroa da TIC, na presentación participaron máis de 40 persoas, entre alumnos e profesores. O encontro rematou coa presentación dunha curtametraxe elaborada polos alumnos de Realización. Trátase de “Back to the TIC”, de 28 minutos, no que o protagonista, Martiño McFly, viaxa no tempo ata o ano 2011 para buscar ó seu pai na Escola de imaxe e Son de Lugo. Ten unha misión que cumprir e unha mensaxe que transmitirlle ó seu proxenitor antes de que se titule como Técnico de Realización Audiovisual. Pero esta non será unha misión sinxela, xa que Martiño McFly terá que tratar con famosos personaxes de ficción e verase misturado en escenas clásicas de cine. As rapazas de El Resplandor, Morpheo de The Matrix, Jose Luis Garci ou McGyver entre outros, intentarán axudar a Martiño McFly na súa viaxe de regreso á TIC.

Fondos para realizar prácticas no estranxeiro
A Deputada de Economía en funcións tamén anunciou que a EIS vén de ser seleccionada polo Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos, a través do cal o centro educativo lucense recibiu unha subvención de 58.505 euros ó abeiro do programa Leonardo da Vinci. En total, 20 alumnos poderán beneficiarse desta iniciativa destinada a desenvolver Proxectos de Mobilidade de titulados da Escola de Imaxe e Son de Lugo, de tal xeito que estes poderán realizar estancias transnacionais en empresas ou centros de formación dende xullo a decembro de 2012. Nesta convocatoria os socios de acollida serán centros de Portugal, Italia e Reino Unido onde os titulados realizarán estancias de 12 semanas que incluirán a realización de actividades de formación en idiomas e prácticas formativas da especialidade en diferentes empresas do sector audiovisual.

O Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos está adscrito ó Ministerio de Educación. Ten como misión xestionar a participación española no Programa de Aprendizaxe Permanente (PAP) da Unión Europea. É, por tanto, responsable de desenvolver as accións descentralizadas dos diferentes programas: Comenius para a educación escolar, Erasmus para a superior, Leonardo da Vinci para a Formación Profesional e Grundtvig para a educación de adultos.




< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet