Produtora » Novas de Lugo » 2011

17/10/2011

Alumnos da Escola de Imaxe e Son farán 50 vídeos promocionais para aumentar as vendas das Empresarias de Lugo

O presidente da Deputación e da Fundación TIC xunto con representantes das empresarias lucensesO presidente da Deputación e da Fundación TIC xunto con representantes das empresarias lucenses

Esta actuación é froito dun convenio que asinaron Gómez Besteiro e Beatriz Varela e que se engade á subvención de 46.000 euros para o portal web das empresarias, ó asesoramento tecnolóxico que lles finanza a Deputación, á dotación de equipamento informático e ó co-financiamento do arranxo do seu local social
A TIC impulsa o labor doutras 50 asociacións e empresas tecnolóxicas mediante traballos audiovisuais nos que sempre colaboran os estudantes do único centro en Lugo que imparte ensinanzas da rama audiovisual, facilitando a súa inserción laboral
Os 23 comerciantes lucenses que participaron na 2º Feira Outlet impulsada por Deputación e Concello de Lugo, en apoio á Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais, acadaron un volume de negocio próximo ós 100.000 euros en só 3 días

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Presidenta da Asociación de Empresarias de Lugo (AELU), Beatriz Varela, asinaron este luns no Cei Nodus un convenio de colaboración en impulso do tecido sector empresarial da provincia. O texto mantén que alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), baixo a supervisión de técnicos da TIC, elaborarán 50 vídeos promocionais das empresas de dito colectivo que xa se sumaron, ou están en trámites de adhesión, á plataforma de comercio electrónico da Deputación: losprodutosdelugo.com. Gómez Besteiro salientou que “o mundo da comercialización é difícil para os colectivos. Por iso, é necesario aproveitar todas as oportunidades. Isto é un suma e sigue. Non temos medo a equivocarnos, dende a TIC estamos ó servizo de entidades como a vosa”.

O titular provincial fixo fincapé ademais, no dobre obxectivo deste acordo xa que, ó tempo que se potencia a actividade dun sector estratéxico para a economía da provincia mediante as novas tecnoloxías, increméntase a formación dos estudantes do único centro en Lugo que imparte ensinazas da rama audiovisual, facilitando a súa inserción laboral.

A Fundación TIC está a colaborar con outras 50 asociacións e empresas tecnolóxicas a través da elaboración de produtos audiovisuais para dalas a coñecer á sociedade lucense e difundir as súas actividades. Entre as organizacións coas que colabora a TIC figuran ONG´s, asociacións culturais, deportivas e empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. En todos os casos, participan alumnos e bolseiros da EIS co obxectivo de completar a súa formación de cara á súa futura inserción laboral, que é unha das prioridades da Fundación.

Axudas ás Empresarias
O medio cento de traballos audiovisuais que realizará a TIC poñerá en valor os produtos e servizos que as empresarias presentan no seu portal: e-Deidades: Empresarias de Lugo na Rede. Trátase da web que dita asociación logrou poñer en marcha a finais do mes de setembro logo de que a Deputación lles concedese unha subvención de 46.000 euros. Son os mesmos produtos que, a custe cero, 29 empresas da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo xa teñen á venda en Internet mediante un enlace dende a súa páxina web ó centro comercial on line do organismo provincial.

Polo de agora, na 1º plataforma de comercio electrónico da provincia atópanse as seguintes empresarias: Academia Attelier; Al-Pazo Peluquería; Asín Lucense S.L; Autoescuela Avenida; Camaleón Tattoo; Caracacho S.L; Fermar-Autoesc. Alberto S.L; Frigoríficos de Lea S.L; Granxa Maruxa; Inpe Sons; Ángeles Lombao Vigo; Jomer Decoración; Laura Uñas Esculpidas; Limpiezas Peña S.L; Queixos Pacita; Tintorería Paque; Tu Descanso; Viajes Almar S.L; Pilar García Porto; Lotería Lastra; A Porta; Ampelos Correduría; Movalsa Asesores; Siente Galicia; Galisorei Delicatessen; Optometristas Lucenses e Chicadecanela.

Profesionais do In Lugo, o 1º centro de innovación social en Galicia que arrincou a Deputación, están a ofrecer asesoramento in situ, é dicir nos propios establecementos das empresarias, para que, de xeito progresivo e gratuitamente, se adhiran a losprodutosdelugo.com todas as entidades interesadas deste colectivo.

Deste xeito, xunto ó convenio que se asinou hoxe, á subvención para a páxina web, ó enlace á 1º plataforma de comercio electrónico da provincia, ó asesoramento tecnolóxico dos profesionais do In Lugo, a Deputación tamén concedeu ás empresarias material informático mediante o Innova-TE, o programa tecnolóxico co-financiado nun 70% pola Unión Europea, así como unha axuda de preto de 3.000 euros para o acondicionamento do local social desta asociación.


Máis de 20 anos de AELU
A Asociación de Empresarias de Lugo naceu en 1998 como unha organización sen ánimo de lucro que aposta polo futuro das mulleres emprendedoras da provincia e a creación dunha nova visión da empresaria dentro da sociedade lucense. Na actualidade conta con 120 socias de toda a provincia, pertencentes a diversos sectores que van dende a agricultura e a construción, pasando polo ensino, o lecer, a decoración ou o asesoramento. AELU presta as súas asociadas labores de asesoramento, xestión de documentación para solicitar axudas e subvencións, formación, ofertas ou demanda de emprego, entre outros servizos.

Balance 2º Feira Outlet
Éxito da 2º Feira Outlet de comerciantes exclusivamente da capital cun volume de negocio próximo ós 100.000 euros en só 3 días. Miles de persoas visitaron a mostra que organizou esta fin de semana a Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo grazas á colaboración de Deputación e o Concello de Lugo. Os 23 profesionais lucenses participantes puxeron á venda na cidade e antes ca ningún outro profesional de fóra da provincia os seus stocks con descontos de entre 50% e o 70%, logrando importantes beneficios que, no caso de algún comerciante, foron de 6.000 euros.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet