Produtora » Novas de Lugo » 2012

29/03/2012

A Fundación TIC colabora coa Asociación Enriqueta Otero contra a violencia de xénero

  • archivos/fotos/grandes/_77K6523.JPG

    foto 1

    foto 1
  • archivos/fotos/grandes/_77K6502.JPG

    foto 2

    foto 2







O Presidente da Fundación e a Presidenta da Asociación asinaron un convenio para a realización, a custe cero, de traballos audiovisuais para visibilizar o seu labor en prol da defensa das mulleres na provincia
Bolseiros da Escola de Imaxe e Son, co apoio dos técnicos da TIC, participarán na elaboración dos vídeos co fin de completar a súa formación e tomar contacto co mundo laboral
-O convenio súmase ós máis de 50 asinados con asociacións luguesas sen ánimo de lucro pola Fundación TIC, que no último ano incrementou en máis de 400% os acordos con ONG´s ou colectivos culturais e deportivos

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e Aurora Antúnez, presidenta da Asociación Enriqueta Otero Mulleres Luguesas contra a Violencia de Xénero asinaron, este mércores, un convenio de colaboración para facer visible o labor que este colectivo está a levar a cabo na provincia, contra a violencia de xénero. O acordo inclúe tamén a realización, a custe cero, dun documental sobre a figura de Enriqueta Otero a través das testemuñas de persoas que coñeceron a loitadora antifascista, que naceu en Miranda Castroverde, no ano 1910 e morreu en Lugo, no ano 1989. Os traballos audiovisuais serán elaborados por técnicos da TIC e bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual. A iniciativa contribúe a complementar a formación dos alumnos coa toma de contacto co mundo laboral.

A Asociación dunha loitadora
Enriqueta Otero, mestra de primeira ensinanza, traballou de xeito incansable na reforma educativa da República, achegándose ó Partido Comunista, converténdose na secretaria de Dolores Ibárruri durante a guerra civil. A coñecida como a “pasionaria galega” atopábase en Madrid cando entraron as tropas franquistas, pero conseguiu eludir a prisión e chegar a Lugo, onde levou unha vida de semiclandestinidade nas terras de Castroverde mentres participaba activamente na Resistencia antifranquista,
En 1946, Enriqueta foi condenada en consello de guerra a 30 anos de cárcere por rebelión militar e a 4 por atentar contra a autoridade. En 1960 conseguiu a liberdade condicional, e tres anos despois regresa a Castroverde onde sobrevive labrando e criando gando. En 1974 consegue reingresar no maxisterio. O resto da súa vida, adicouse á ensinanza e a labores de dinamización asociativa feminista e cultural. En Miranda, fundou a Casa da Muller e a asociación cultural O Carriño, inspirada nas Misións Pedagóxicas Republicanas. En Lugo, estableceu a súa sede coñecida como “O hórreo da Cultura”. “A última guerilleira galega” morreu o 31 de outubro de 1989 e foi enterrada en Miranda envolta na bandeira republicana.
A Asociación que leva o seu nome xurdiu en marzo de 2008 co fin de reivindicar o dereito á igualdade entre mulleres e homes en tódolos ámbitos da sociedade e combater a violencia de xénero. Como fins específicos para acadar os seus obxectivos, a entidade ten plantexados velar pola aplicación efectiva das leis en materia de xénero e igualdade; promover o acceso en igualdade de tódalas mulleres ós recursos sen discriminación algunha; prestar apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero e garantir os dereitos das súas fillas e fillos; visibilizar e denunciar esta lacra social, así como crear redes de solidariedade e colaboración entre as mulleres e as entidades que loiten pola igualdade e os dereitos das mulleres;
O eido social da TIC
A Fundación TIC ten asinados máis de 50 convenios con asociación sen ánimo de lucro, e máis de 60 contratos con empresas españolas do sector multimedia co fin de proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da EIS para que completen a súa formación e facilitar o seu acceso a un posto de traballo no sector audiovisual. Entre as organizacións coas que colabora a TIC figuran ONG’s e asociacións culturais, ás que apoia no seu labor social, impulsando a inserción laboral de persoas con discapacidade; entidades deportivas que axudan a fomentar o deporte base, así como empresas que traballan en prol do emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. No último ano, a Fundación TIC incrementou en máis dun 400% os convenios asinados con colectivos lucenses.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet