Fundación TIC, Concello de Lugo, Autónomas e Comerciantes combaten a suba do IVE e a crise co Street Market
É a feira que terá lugar o martes, 4 de setembro, coa que os comerciantes da cidade sacan ás rúas un amplo abano de produtos con descontos de entre o 50% e o 80%
Regina Polín subliña que mentres “o Goberno Central impón a suba do IVE e a Xunta nada fixo nos últimos anos facendo que pechasen case 400 comercios na capital, Deputación e Concello voltan a sumar esforzos con comerciantes e autónomos”
Técnicos e Bolseiros da TIC farán unha ampla reportaxe sobre a cita que se difundirá en canles de TV e redes sociais ó igual que fixeron coa Noite Aberta ou a Feira Outlet
A Deputada provincial Regina Polín, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, a Presidenta da Asociación de Autónomas, Nora Real, e o Presidente da Asociación de Comerciantes de Lugo, José María Seijas, presentaron este venres o Street Market da cidade de Lugo. Trátase da feira organizada por ditos colectivos coa colaboración de Concello e Deputación de Lugo, esta última a través da Fundación TIC, que terá lugar o vindeiro martes, 4 de setembro, e na que por primeira vez o comercio lugués sairá ás rúas con suculentas gangas, animando ás vendas e atraendo público ó centro da capital.
Regina Polín subliñou que “nun momento no que o Goberno Central impón unha importante suba do IVE agravando a situación do comercio, que xa provocou o peche de centos de establecementos só na capital, e no que dende a Xunta nada se fixo por potenciar un sector piar fundamental da nosa economía, Concello e Deputación de Lugo voltan a sumar esforzos con comerciantes e autónomos, impulsando alternativas á crise para manter postos de emprego”. O Street Market é unha nova iniciativa que se suma a outras postas en marcha anteriormente, coma a gala Lvcvs Moda, a Noite Aberta, a Feira Outlet ou o Artesanfroilán, coas que se acadaron beneficios de case 100.000 euros. “Unha vez máis, este martes apoiaremos ó comercio local, agardando que novos ingresos den un respiro ó sector”.
Descontos nun amplo abono de produtos
O Street Market desenvolverase durante todo o día. Participarán medio cento de establecementos da cidade, que serán identificados por ter diante dos seus locais unha mesa de cor laranxa. Trátase de chamar a atención do consumidor para que se acheguen ós negocios e poidan beneficiarse de descontos que irán do 50% ata o 80%. “Con esta iniciativa gañamos todos. Os comerciantes que dan saída as súas mercadorías sobrantes e o consumidor que atopará oportunidades exclusivas”, apuntou unha das promotoras da idea e Presidenta do colectivo de Autónomas, Nora Real. Na feira participarán comercios de todo tipo polo que o consumidor terá a oportunidade de adquirir a prezos vantaxosos entre un amplo abano de productos, desde téxtil, complementos, calzado ata lencería, xoias ou lentes en ópticas.
A TIC, unha vez máis cos comerciantes
Técnicos e bolseiros da Fundación TIC grabarán a actividade nas rúas e elaborarán unha ampla reportaxe que se difundirá por toda a provincia, promocionando ós comercios participantes co fin de contribuír a manter a súa economía. Non é a primeira vez que a TIC colabora con este sector xa que ten un convenio coa Asociación de Autónomas para potenciar as actividades que organiza este colectivo. Por este motivo, a Fundación participou na Feira Outlet e na Noite Aberta, realizando reportaxes sobre estas convocatorias que se visionaron en varios canles informativas e nas redes sociais máis populares. A TIC colabora na actualidade con outras 114 asociacións da provincia sen ánimo de lucro en apoio á actividade de comerciantes, autónomos e colectivos sociais, culturais ou deportivos.