Servizo de Audivisuais (SdeA) » Quen somos
13/11/2009
QUEN SOMOS
A
Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), é unha entidade, sen ánimo de lucro, promovida pola Deputación Provincial de Lugo, clasificada como benéfico-docente por unha Orde do 26 de Novembro de 2003 e sobre a que exerce o protectorado a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
A
Fundación TIC ten como obxectivo prioritario promover e levar a cabo actividades dirixidas ao fomento da educación, a investigación e o desenvolvemento das TIC, así como o impulso e consolidación da denominada sociedade do coñecemento ou sociedade da información, de maneira que se contribúa a mellorar a formación relativa a estas tecnoloxías na provincia de Lugo.
Este obxectivo fundacional motivou a promoción e creación dun centro privado autorizado, pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para impartir ensinanzas de formación profesional de grao superior de Produción de audiovisuais, radio e espectáculos e de Realización de audiovisuais e espectáculos, que iniciou o seu funcionamento no curso 2003/2004.
Para desenvolver as súas actividades a
Fundación TIC ten subscritos convenios con medios de comunicación social, institucións, empresas e organismos do sector audiovisual dirixidos á promoción e consecución dos seus obxectivos.
Asemade, a Fundación conta con recursos propios para desenvolver os obxectivos e estratexias deseñadas coa finalidade de aproveitar as sinerxías xeradas na formación, a produción e a promoción no sector audiovisual.
Escola de Imaxe e Son (CPR TIC)
Centro de formación profesional específica, autorizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (código de centro: 27020756) para impartir ensinanzas de grao superior da familia profesional de comunicación, imaxe e son.
Centro de Produción de Programas (CPP)
A Fundación TIC dispón de instalacións profesionais, en convenio coa Deputación Provincial de Lugo, nas que se desenvolven actividades docentes e produción de contidos para as televisións coas que a Fundación TIC ten subscritos convenios.
Lugo Film Commission (LFC)
En convenio co Consorcio Audiovisual de Galicia, a Fundación TIC xestiona e promove a oficina de promoción de rodaxes para a provincia de Lugo, que está integrada en Galicia Film Commission.
Volver