Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2012

10/09/2012

A Fundación TIC apoia ás empresarias da provincia con vídeos promocionais elaborados por alumnos da Escola

Imaxe da rolda de prensaImaxe da rolda de prensa

Os 43 spots difundiranse a través da plataforma de comercio electrónico da Deputación losproductosdelugo.com, as redes sociais e diversas canles de televisión.

Esta actuación é froito do convenio de colaboración entre a TIC e a asociación e súmase a outras iniciativas de apoio ó tecido empresarial da provincia como o Street Market, a Noite Aberta ou a Feira Outlet.

A TIC impulsa o labor doutras 100 asociacións e empresas tecnolóxicas mediante traballos audiovisuais nos que colaboran os estudantes e bolseiros do único centro en Lugo que imparte ensinanzas da rama audiovisual, facilitando a súa inserción laboral.

A Fundación TIC presentou este luns 43 vídeos promocionais de empresas integradas na Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) que foron elaborados por alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), baixo a supervisión de técnicos da TIC. A iniciativa forma parte do convenio de colaboración entre a Fundación e o colectivo e ten por obxectivo poñer en valor os produtos e servizos das asociadas de AELU a través da plataforma de comercio electrónico da Deputación losproductosdelugo.com, do portal da asociación e-Deidades e as redes sociais, así como a súa emisión en diversas canles de televisión.

O Presidente da Fundación e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que estivo acompañado pola Presidenta de AELU, Beatriz Varela, e a Concelleira de Educación de Lugo, Esther Muñoz Mella, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para apoiar ós autónomos e pequenos empresarios “nunha época especialmente complicada para un sector estratéxico na economía da provincia que se ve agravada coa suba do IVE”. Gómez Besteiro fizo fincapé no feito de que, ó mesmo tempo que se potencia a actividade das empresarias mediante as novas tecnoloxías, tamén se promove a formación práctica dos alumnos do único centro da provincia de Lugo que imparte ensinanzas da rama audiovisual, co obxectivo de promover a súa inserción laboral.

Promoción a través das redes
O Presidente da TIC fixo entrega a cada unha das empresarias dun DVD co spot do seu negocio, que poderán colgar nas súas respectivas webs e difundir a través das redes sociais. Ademais, Beatriz Varela recibiu un vídeo promocional de AELU, no que se dan a coñecer os servizos que presta a organización ás emprendedoras da provincia. Os produtos audiovisuais elaborados pola Fundación expoñeranse no portal da asociación: e-Deidades: Empresarias de Lugo na Rede que conta cun enlace ó centro comercial on line do organismo provincial losprodutosdelugo.com.

A Fundación TIC coa economía da provincia
A iniciativa da TIC súmase a outras de apoio ó tecido empresarial da provincia. A última de elas foi o Street Market, organizado pola Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo. Neste caso, técnicos e bolseiros da TIC fixeron unha ampla reportaxe sobre a cita para difundir en canles de televisión, cadeas radio e redes sociais, ó igual que fixeron coa Noite Aberta ou a Feira Oulet. Ademais, a Fundación TIC está a colaborar con máis de 100 asociacións e empresas tecnolóxicas a través da elaboración de produtos audiovisuais para dalas a coñecer á sociedade lucense e difundir as súas actividades. Entre as organizacións coas que colabora a TIC figuran ONG´s, asociacións culturais, deportivas e empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. En todos os casos, participan alumnos e bolseiros da EIS co obxectivo de completar a súa formación de cara á súa futura inserción laboral, que é unha das prioridades da Fundación.

Máis de 20 anos de AELU
A Asociación de Empresarias de Lugo naceu en 1998 como unha organización sen ánimo de lucro que aposta polo futuro das mulleres emprendedoras da provincia e a creación dunha nova visión da empresaria dentro da sociedade lucense. Na actualidade conta con 120 socias de toda a provincia, pertencentes a diversos sectores que van dende a agricultura e a construción, pasando polo ensino, o lecer, a decoración ou o asesoramento. AELU presta as súas asociadas labores de asesoramento, xestión de documentación para solicitar axudas e subvencións, formación, ofertas ou demanda de emprego, entre outros servizos.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet