A Fundación TIC contribuirá á recuperación da mallega de Becerreá coa elaboración dun DVD
Un equipo da TIC, no que participarán bolseiros da EIS, gravará o sábado esta malla de centeo destinada tradicionalmente a teitar con palla as pallozas e hórreos da bisbarra
-Celebrarase ó longo de todo o día no campo da feira e estará aberta á participación do público con obradoiros nos que teitadores da zona ensinarán a técnica do seu oficio
-A Fundación colabora cun cento de asociacións e organizacións sen ánimo de lucro para difundir a súa actividade e apoiar o tecido asociativo e cultural da provincia
A Fundación TIC, entidade depedente da Deputación, gravará este sábado a mallega de Becerreá que se celebrará durante todo o día no campo da feira da localidade. Froito dun convenio de colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Ancares Courel, un equipo da TIC, que contará coa participación de bolseiros da Escola de Imaxe e Son, recollerá nun DVD todo o proceso desta malla de centeo destinada tradicionamente a teitar de palla as pallozas e hórreos da bisbarra. O obxectivo desta colaboración é doble, por unha banda, contribuír á recuperación e difisusión desta tradición centenaria e, por outra, á formación práctica dos titulados da EIS de cara a súa insercion laboral.
Mallega aberta á participación do público
A mallega, que estará aberta á participación do público, comezará ás dez da mañá coa organización dos traballos. Unha hora máis tarde arrincará a actividade e ó longo de todo o día haberá mallado a máquina, limpado de gran e escolmado, entre outras tarefas, nas que a xente maior da zona ensinarán ós voluntarios como realizalas. Tamén se mallará con paus, tal e como se facía antes de que existisen as máquinas. Recoméndase ás persoas que se achegen ó campo da feira de Becerreá que leven roupa de fío para que non prendan as arganas do pan.
Outro dos puntos de interese da mallega serán os obradoiros de teitado con palla. Para desenvolvelos instalarase unha carcasa simulando unha palloza onde media ducia de teitadores da zona aprenderán ós interesados a técnica do seu oficio, que está a piques de desparacer. O principal obxectivo é garantir o relevo xeracional e ensinar a aquelas persoas que teñan unha palloza ou un hórreo como reparar os teitos destas edificacións. Para realizar este traballo traerase centeo de varios sitios da Montaña, xa que a palla debe ter unhas condicións especiais, cun largo determinado.
A TIC co tecido social e cultural da provincia
A Fundación TIC está a colaborar con máis de 100 asociacións e empresas tecnolóxicas a través da elaboración de produtos audiovisuais para dalas a coñecer á sociedade lucense e difundir as súas actividades. Entre as organizacións coas que colabora a TIC figuran ONGs, asociacións culturais, deportivas e empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. En todos os casos, participan alumnos e bolseiros da EIS co obxectivo de completar a súa formación de cara á súa futura inserción laboral, que é unha das prioridades da Fundación.