A Fundación TIC colabora coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica gravando a homenaxe ás vítimas do Acebo
Os actos lembran ós trece integrantes do batallón Galicia liderado polo comandante Moreno, fusilados hai 75 anos, e neles participan un centenar de persoas chegadas de toda Galicia, Asturias, Madrid, EE.UU. e Xapón.
Un equipo de profesionais e bolseiros da Escola de Imaxe e Son elaborarán material audiovisual durante a celebración da homenaxe co obxectivo de difundir o labor que a Asociación está a levar a cabo.
A Fundación TIC, entidade dependente da Deputación, colabora coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) nos actos de lembranza ós integrantes do batallón Galicia que a Asociación celebra este sábado no Acebo, onde foron asasinados hai 75 anos os trece integrantes do batallón Galicia, que liderou o comandante Moreno, cando intentaban chegar ó porto da Coruña tras combater en lugares coma León ou Asturias.
Coincidindo co aniversario do seu fusilamento, a ARMH organiza un acto de lembranza baixo o lema “Sempre na Memoria”, que gravará un equipo de profesionais e bolseiros da Escola de Imaxe e Son para elaborar un DVD, co fin de contribuír á difusión do labor que a ARMH está a levar a cabo.
Un centenar de persoas chegadas de toda Galicia, Asturias, Madrid, EE.UU., e mesmo de Xapón, deuse cita ás once da mañá no Museo Comarcal da Fonsagrada para partir cara O Acebo. O inicio da homenaxe estaba previsto para as doce, coa intervención do Alcalde da Fonsagrada, familiares, amigos, veciños, testemuñas e investigadores, que levaron unha presiña de pedras dun lugar que sexa significativo para eles, e que colocarán xuntas para facer un milladoiro conmemorativo. No lugar no que estiveron soterradas máis de 70 anos, descendentes das vítimas do Acebo procederán ó descubrimento dunha placa. Posteriormente, a comitiva trasladarase ó cemiterio da Fonsagrada, onde no ano 2009 recibiron sepultura os restos do comandante Moreno e os seus homes. No camposanto, terá lugar unha ofrenda floral coa lectura de poemas e un concerto de trompa. Ó remate, os participantes celebrarán un xantar de confraternidade, nun restaurante da Fonsagrada.
O labor social e cultural da TIC
A colaboración da TIC realízase en virtude do convenio subscrito coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, unha das 120 entidades de toda a provincia ás que apoia cun dobre obxectivo: promocionar o seu labor social e cultural, ó tempo que os alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son, o único centro público en Lugo que ofrece ensinanzas da rama audiovisual, completan a súa formación de cara a súa inserción laboral. Entre as organización coas que colabora a TIC, figuran ONGs, asociacións culturais, deportivas e empresas, que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia.