O emprego e o ensino público de calidade, obxectivos dos Presupostos da Fundación TIC para 2013
Imaxe da reunión do padroado da Fundación TIC
imaxe da reunión do padroado da Fundación TIC 2
-O Padroado aproba uns orzamentos de 2,7 millóns de euros, a mesma cantidade que no presente exercicio, dos que 1 millón son fondos europeos para o Centro de Innovación Social
-Manterase a gratuidade da matrícula, agás para os repetidores, fronte os 3.600 euros que tiñan que pagar por curso todos os alumnos antes da chegada de Gómez Besteiro á Deputación
-Os titulados da EIS terán o seu primeiro contacto co mundo laboral grazas ó programa de bolsas en empresas ó que se adican 70.000 euros e ás becas Leonardo da Vinci no estranxeiro
-Regina Polín toma posesión como nova patroa polo grupo provincial do PSOE en substitución de José Ramón Val, recentemente elexido Deputado Autonómico
O Padroado da Fundación TIC, presidido polo seu máximo responsable e Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, aprobou este luns o Presuposto para 2013, que ascende a 2.777.455 euros, a mesma cantidade que no presente exercicio. Desta cifra, 1 millón de euros procede dos fondos europeos acadados pola Deputación para o primeiro Centro de Innovación Social de Galicia, o In Lugo, que xestionará por segundo ano a TIC, a través dunha encomenda da institución provincial. Gómez Besteiro dixo que estes orzamentos “son unha aposta polo emprego, polo ensino público e de calidade e pola implantación das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar o benestar dos veciños da nosa provincia”.
Ante a crise, apoio ás familias
O Padroado acordou manter en 2013 o esforzo inversor para garantir a gratuidade da matrícula por sexto ano consecutivo, co obxectivo de facilitar o acceso a un ensino gratuíto e de calidade. Tan só deberán aboar unha taxa de 600 euros os repetidores, para fomentar a cultura do esforzo, fronte ós 3.600 euros que tiñan que pagar por curso todos os alumnos antes da chegada de Gómez Besteiro á Deputación. Este esforzo económico reflíctese na demanda, xa que, por quinto curso consecutivo, este ano cubríronse as 44 prazas que ofrece a Escola de Imaxe e Son con listas de espera nos ciclos de Realización e Produción.
Neste senso, o Presidente provincial sinalou que “nestes momentos de crise é cando se fai máis necesario o apoio ás familias que, en moitos casos, non dispoñen dos recursos necesarios para pagar os estudos dos seus fillos. Nós apostamos por que todos os mozos e mozas da nosa provincia que queiran ser profesionais do sector audiovisual poidan acceder a uns estudos de calidade e en igualdade de condicións”. Puntualizou que “este tamén é un momento complicado para as administracións, polo que desde a Deputación debemos optimizar cada euro, e para nós a educación é un investimento de futuro”.
Obxectivo: formar para o emprego
O máximo responsable da TIC dixo que “a nosa prioridade é o emprego, por iso estes presupostos están dirixidos a ofrecer ós alumnos da Escola de Imaxe e Son unha formación axeitada ás necesidades das empresas do sector audiovisual”. Para acadar este obxectivo promoverase una educación moderna, vangardista e de calidade e completarse a adquisición de equipos para adaptarse á implantación das tecnoloxías dixitais tanto na Escola de Imaxe e Son como no Centro de Produción de Programas, onde os alumnos fan as súas prácticas en salas de realización e montaxe, mesa de son, plató e unidade móbil.
Tamén se potenciará o programa de bolsas de formación en máis de 70 empresas cunha partida de 70.000 euros. Deste xeito, os titulados da EIS poderán completar a súa formación dentro da realidade profesional do sector na que desenvolverán a súa actividade profesional. Ademais, 20 exalumnos poderán formarse no estranxeiro grazas ás bolsas Leonardo da Vinci, financiadas nun 70% pola Unión Europea e nun 30% pola TIC. Neste caso o programa está destinado a lucenses menores de 30 anos que nos últimos 3 anos remataron os seus estudos na EIS. Poderán realizar prácticas en empresas de Irlanda, Portugal e Italia durante dous meses e medio. A estancia nestes países será de 3 meses xa que durante as dúas primeiras semanas os participantes tamén realizarán un curso de idioma.
Por outra banda, a TIC duplicou no último ano o número de convenios con entidades sociais, culturais e deportivas, acadando os 120. Grazas a estes convenios, os alumnos e bolseiros da Escola participan, baixo a supervisión dos técnicos da TIC, na elaboración de produtos audiovisuais de cara a súa inserción laboral. Ademais, con esta colaboración a TIC contribúe a difundir e poñer en valor o labor que desenvolven estas organización.
Novas tecnoloxías para o benestar dos lucenses
Polo que se refire ó Centro de Innovación Social, que xestiona a Fundación TIC co fin de aforrar recursos e crear sinerxias, centrará a súa actuación na mellora da calidade de vida dos veciños da provincia a través das novas tecnoloxías. Inclúe actividades para que as persoas da terceira idade exerciten tanto o seu corpo como a súa mente dun xeito ameno contribuíndo ó seu benestar. Pero ademais, favorécese a alfabetización tecnolóxica deste colectivo para que se achegue ás novas tecnoloxías e ós servizos que estas ofrecen como pode ser, por exemplo, a administración sen papeis.
Regina Polín, nova patroa
Na reunión deste luns tomou posesión como nova patroa Regina Polín, en representación do grupo provincial do PSOE e en substitución de José Ramón Val, que deixou o seu escano na Deputación trala súa elección como Deputado no Parlamento Autonómico.