Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2012

28/11/2012

A Fundación TIC impulsa o labor de Unicef coa gravación dun DVD para difundir a campaña Cumpredías

unicefunicef

Bolseiros e persoal técnico da TIC elaborarán un DVD coas imaxes da Gala benéfica que esta organización humanitaria celebrará no Círculo das Artes de Lugo o vindeiro día 11 de decembro ás 19:30 horas
Fundación TIC favorece a inserción dos alumnos titulados na Escola de Imaxe e Son coa realización de prácticas reais en proxectos audiovisuais cos que ademais se colabora con 120 entidades

Bolseiros da Escola de Imaxe e Son e persoal técnico da Fundación TIC gravarán a Gala benéfica que Unicef Lugo celebrará no Círculo das Artes o vindeiro 11 de decembro a partires das 19:30 horas, e cuxos fondos dedicaranse á campaña Cumpredías, para logo elaborar un DVD e favorecer así a difusión da labor desta ONG e da súa actividade. Isto é posible grazas ó convenio que a Fundación ten con Unicef Lugo. Ademais, un técnico da TIC formando parte do equipo de realización.

Esta III Gala Benéfica Unicef Lugo, que contará coa participación de máis de 130 alumnos do Conservatorio de Música e Danza, foi presentada por Regina Polín, Patrona da Fundación; a presidenta de Unicef Lugo, Myriam Garabito, e a secrtaria do Conservatorio de Danza de Lugo, Begoña Acuña, nun acto que tivo lugar esta mañá nas instalacións da Escola de Imaxe e Son.

Recadación de fondos
Unicef Lugo organiza por terceiro ano consecutivo esta Gala co fin de recadar fondos para axudar a un dos grupos máis vulnerables da sociedade, os nenos. Nesta edición, os beneficios destinaranse a campaña da ONG, Cumpredías, que pretende sensibilizar á sociedade na loita contra a desnutrición infantil, que afecta a uns 20 millóns de nenos en todo o mundo, e cuxa solución está en man de todos: cada 1,20 euros doados a esta causa permiten a investigación durante un día nun neno con desnutrición aguda grave, permitíndolles “cumprir días”, de aí o nome da campaña.
O encontro contará coa actuación do coro e a banda do Conservatorio lugués, ademais dunha exhibición de danza, na que os alumnos interpretarán pezas como o “Vals de Coppélia”, “Caos” ou “Move o vento”. As entradas teñen un prezo de 5 euros e pódense adquirir en Unicef Lugo ou no mesmo Círculo das Artes.
A presidenta de Unicef Lugo quixo animar a todos os lucenses a participar nesta Gala para apoiar unha causa tan importante como é a desnutrición nos nenos. Myriam Garabito asegurou que “con só 5 euros podemos pasar unha tarde noite entretida e colaborar cunha boa causa”. Tamén Regina Polín fixo un chamamento a colaborar con esta III Gala Benéfica, o tempo que destacou que “a Fundación TIC ten unha labor social. Coa elaboración deste DVD axudamos a dar a coñecer un evento benéfico tan importante coma este e, ó mesmo tempo, potenciamos a formación práctica dos alumnos da EIS ofrecéndolles oportunidades para levar a cabo traballos profesionais”
Importante traballo de Unicef
Esta organización humanitaria traballa en máis de 190 países e territorios para axudar ós nenos a sobrevivir e avanzar na vida dende a infancia ata a adolescencia. Como o maior provedor de vacinas para os países en desenvolvemento, Unicef loita en prol da saúde e a nutrición na infancia, o abastecemento de auga, a educación e a protección da infancia contra a violencia, a explotación e o SIDA. Unicef está financiado pola contribución de cidadáns, empresas, fundacións e gobernos. Presente en Lugo dende 1989, esta ONG conta con 1.600 socios na provincia e centra a súa actividade en campañas como Enrédate, que tenta fomentar os hábitos de alimentación saudables en 30 colexios lucenses.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet