Gómez Besteiro entrega o DVD Quantas Sabedes Amar Amigo a Cantar Delas realizado por alumnos da Escola de Imaxe e Son
O disco recolle a gravación íntegra dunha actuación do coro de voces brancas da Asociación cultural Cantar Delas, no que interpretan cantigas medievais de Alfonso X O Sabio e Martín Códax co acompañamento de zanfona e mandolina
Alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son, co apoio dos técnicos da TIC, gravaron, realizaron e editaron o vídeo como parte do completo programa de prácticas reais que lles ofrece a Escola
O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega este luns ó presidente da Asociación Cultural Cantar Delas, Julio Méndez, do DVD Quantas Sabedes Amar Amigo, que recolle a gravación íntegra do concerto de outono do primeiro coro de voces brancas creado na provincia.
Alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son, co apoio dos técnicos da TIC, foron os encargados da gravación, realización e edición do concerto, no que a coral interpretou cantigas de Alfonso X O Sabio e Martín Códax.
O traballo forma parte das prácticas reais que lles ofrece o único centro público da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, neste caso en virtude do convenio que a TIC mantén con Cantar Delas para difundir a música coral galega.
Promoción da cultura musical
A Fundación TIC contribúe ó impulso da cultura musical na provincia mediante o apoio ás agrupacións e músicos lugueses, a colaboración na celebración de festivais ou na promoción de novos talentos dentro e fóra de Lugo. Proba disto son o proxecto “Xoves con Arte”, no que a TIC colaborou co Concello de Lugo para promocionar a 33 grupos noveis lucenses ou a colección “Son Lugueses”, na que se inclúen concertos das Bandas de Música de Vilalba e Sarria; o himno oficial do Arde Lvcvs da Cohors III Lucensium e o grupo monfortino La Cuarta Pared, entre outros traballos discográficos.