Alumnos da Escola de Imaxe e Son participarán na próxima rodaxe de Ángel de la Cruz
O Presidente da Fundación TIC e o responsable de Artemática Producciones, acompañados pola actriz Isabel Blanco, asinaron un convenio que permitirá a catros estudantes da EIS colaborar na gravación de “Todos os Santos”
Trátase da película finalista do III Premio Pilar Miró da Academia das Ciencias e das Artes de Televisión, que Ángel de la Cruz realizará para a TVG
O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, asinnou este mércores, no Salón de Actos da Escola de Imaxe e Son, o convenio de colaboración entre a TIC e Artemática, a productora de Ángel de la Cruz, para que catro alumnos da EIS participen na próxima rodaxe do mencionado cineasta coruñés. Trátase de “Todos os Santos”, película finalista do 3º premio Pilar Miró que concede a Academia das Ciencias e das Artes da Televisión. Artemática realizará para a TVG este traballo, escrito por José Antonio Pastor. Isabel Blanco, actriz deste telefilme, acompañounos durante o acto.
Os alumnos da Escola de Imaxe e Son traballarán ás ordes de Ángel de la Cruz, que dirixirá o telefilme no que, ademais de Isabel Blanco, intervirán Carlos Blanco, Tamar Novas, Camila Bosa e Dorotea Bárcena, entre outros actores. De la Cruz iniciará a rodaxe de ”Todos os Santos” o vindeiro día 4 de marzo, no pazo de Vilaboa, na Coruña. O 8 de marzo, todo o equipo se trasladará a Lugo para continuar coa gravación. Os alumnos da Escola de Imaxe e Son aproveitarán a ocasión para facer unha visita ó set da rodaxe.
Unha vez rematada a gravación, o director coruñés manterá un novo encontro cos estudantes do único centro público na provincia luguesa con ensinanzas superiores no eido audiovisual, para ofrecerlles unha clase maxistral sobre traballo que desenvolve como director, guionista e produtor.
Ángel De la Cruz recibiu tres Goyas, os dous primeiros pola dirección de “O Bosque Animado” (2001) e o “Soño dunha Noite de San Xoán” (2005), e o último no 2012, ó mellor guión adaptado por “Arrugas”.