Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2013

17/03/2013

Alumnos da Escola de Imaxe e Son participan na rodaxe en Lugo do novo filme de Ángel de la Cruz, “Todos os Santos”

imaxe da rodaxe de todolos santosimaxe da rodaxe de todolos santos

- Os estudantes, moitos deles figurantes da película, recibirán unha master class do cineasta coruñés, gañador de tres premios Goya
- Catro titulados da EIS colaboran na gravación do telefilme, grazas a un convenio de colaboración entre a TIC e a produtora Artemática
- Trátase do guión finalista do III Premio Pilar Miró da Academia das Ciencias e das Artes de Televisión, que De la Cruz realiza para a TVG

Os alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro público da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual, participan na rodaxe das tomas que están a ter lugar este venres en diversas localizacións da cidade de Lugo do novo telefilme do cineasta coruñés, Ángel de la Cruz, “Todos os Santos”. Os estudantes, moitos deles figurantes da película, recibirán ademais unha master class do cineasta coruñés, gañador de tres premios Goya, os dous primeiros pola dirección de “O Bosque Animado” (2001) e o “Soño dunha Noite de San Xoán” (2005), e o último no 2012, ó mellor guión adaptado por “Arrugas”.

Na realización e produción de “Todos os Santos” están a colaborar así mesmo catro titulados da EIS, grazas a un convenio de colaboración entre a Fundación TIC e Artemática, a produtorade De la Cruz.

A rodaxe deste venres en Lugo discorre entre as 10:00 horas e as 19:00 horas en diversaslocalizacións da cidade. O polígono das Gándaras é o primeiro lugar de traballo, onde gravan un percorrido en autobús para pasar máis tarde a captar planos xerais da muralla e da Avenida da Coruña. Na sesión de tarde, o equipo traballará nas instalacións da Deputación, onde se simularán as estancias dun antigo cine utilizando as escadas de entrada e o salón de actos do edificio.

Todos os Santos, guión finalista do III Premio Pilar Miró que concede a Academia das Ciencias e das Artes da Televisión, está dirixido por Chema Cagino e interpretado por Isabel Blanco, Manuel Cortés, Denis Gómez, Deborah Vukusic, Carolina Vázquez, Arturo Zas e Estrella Naseiro.

Pola inserción laboral

A produtora de Ángel de la Cruz, Artemática, é unha das 70 empresas audiovisuais coas que a Fundación TIC mantén contacto e que permiten ós alumnos participar en traballos profesionais, co que melloran as súas posibilidades de inserción laboral. Ademais, a TIC ten asinados 109 convenios con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas, que permiten ós estudantes da Escola realizar traballos profesionais, así como un programa de bolsas de emprego para os titulados.

A Escola de Imaxe e Son de Lugo oferta 44 prazas, 22 para cada un dos módulos superiores: Realización e Produción de Audiovisuais. Todas elas quedaron cubertas ó pouco de abrirse o prazo de matrícula, ó igual que ocorreu os catro anos anteriores, e mesmo moita xente quedou en lista de espera, agardando a posibles baixas de última hora. A Escola ten matrícula gratuíta dende hai cinco anos para todos os alumnos, agás os repetidores, co fin de apoiar un ensino público de calidade e accesible a todos.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet