Un alumno da EIS gaña o premio extraordinario de formación profesional de grao superior da Consellería de Educación
-Carlos Toledano Muñoz, alumno do módulo de Produción nos cursos 2010-2012, foi un dos 21 mellores expedientes de toda Galicia
-Esta é a segunda vez que un alumno da EIS é galardoado co premio extraordinario de Formación Profesional de grao superior.
O antigo alumno da EIS, Carlos Toledano, foi galardoado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coma un dos mellores expedientes de FP de grao superior de toda Galicia. Toledano cursou estudos no Ciclo Superior de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos na EIS nos anos 2010-2012.
Carlos Toledano recibirá un premio en metálico de 850 euros polos seus bos resultados académicos. O galardón confirma tamén a capacidade de estudo e dedicación dos alumnos que o reciben.
Despois desta fase galega, os galardoados como Toledano pasan á fase nacional onde competirán cos seus expedientes para conseguir outro premio á súa traxectoria académica e unha nova gratificación económica, de maior contía. “Estou moi contento co premio e tamén porque valoren o meu esforzo”, asegura.
Toledano reside actualmente en Belfast, Irlanda, logo de rematar a Bolsa de estudos Leonardo, xestionada pola TIC. Durante 14 semanas traballou realizando vídeos promocionais dos museos do National Museum N.I. Encargouse persoalmente da produción, gravación e montaxe de 4 vídeos de Discovery Rooms no Ulster Museum de Irlanda.
Segundo premio extraordinario da TIC
Non é a primeira vez que un alumno da EIS recibe un premio de FP en recoñecemento ós seus méritos académicos. O pasado ano, o titulado en Realización da TIC, Álvaro Pérez Dios, recibiu este mesmo galardón.