A Escola de Imaxe e Son abre mañá as portas ós lucenses para dar a coñecer a súa actividade co ABERTIC
invitacion ABERTIC
HORARIO
-Tras o éxito acadado o ano pasado, a iniciativa celebra a súa 2º edición con obradoiros abertos ó público, proxección de traballos, espectáculos, música en directo e moitas outras novidades
-As actividades desenvolveranse dende as 11:00 ás 20:00 horas nas instalacións do centro educativo. Na entrada, un “photocall” recibirá ós asistentes entre os que se repartirán agasallos ó longo da xornada
- Gómez Besteiro porá a guinda ó evento coa entrega dos diplomas ós alumnos da 9ª promoción da Escola, a única da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual
Os alumnos da Escola e Imaxe e Son da Fundación TIC, organismo dependente da Deputación, darán a coñecer mañá a todos os lucenses o traballo que desenvolven no centro educativo coa celebración da segunda xornada de portas abertas, Abertic. Tras o éxito acadado na primeira edición, e coincidindo co remate do curso escolar 2012/2013, os estudantes, acompañados polo equipo docente e técnicos da TIC, realizarán numerosas actividades ó longo do día, coas que introducirán ós asistentes ó evento no mundo da Imaxe e do Son e das novas tecnoloxías. A entrada é gratuíta.
O programa Abertic comezará ás 11:00 horas, coa recepción dos asistentes os cales poderán posar no “photocall” situado á entrada, e prolongarase ata as 20:00 horas. Haberá actividades tanto nos exteriores como nos interiores do recinto educativo, situado na rúa Frei Plácido Rei Lemos de Lugo. Os participantes recibirán, ademais, varios agasallos que se repartirán ó longo de toda a xornada.
Obradoiros de radio, televisión, fotografía e vídeo
Haberá obradoiros de radio, televisión e teatro, cos que os participantes descubrirán e formarán parte dun programa de radio en directo; coñecerán os segredos da televisión; retocarán fotos e vídeos que tamén poderán compartir nas redes sociais. Por exemplo, os vídeos iranse subindo ó canal que a Fundación TIC ten no “Youtube”.
Espectáculos, teatro e proxeccións
Entre as moitas novidades deste ano, destaca a música en directo que ofrecerá o grupo lucense de estilo indie/rock “Winter in Berlín” e o Dj Alejandro Losada dende a terraza da EIS. O obxectivo é reproducir una mostra do FIBES, o I Festival Itinerante de Balcóns e Espazos Sonoros, unha iniciativa pioneira en Galicia, organizada o pasado 10 de maio polos alumnos de primeiro da Escola na cidade con grande éxito. Os estudantes tamén representarán a 1º escena da obra teatral do sevillano Alejandro Butrón “Apoloxía do cuarto de baño”. Na sala audiovisual da Escola, proxectaranse de forma ininterrompida os traballos realizados ó longo do ano nas aulas, así como as prácticas en escenarios reais, que foron fundamentais para acadar una formación de calidade que atenda á demanda actual que esixe no mercado laboral.
Entrega de diplomas
Como colofón ó evento, o Presidente da Fundación TIC e da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, fará entrega dos diplomas ós novos titulados en Imaxe e Son da 9ª promoción que cursaron estudos no período académico (2011-13). Ademais, informarase da oferta formativa da EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, cara ó proceso de matrícula para o vindeiro curso que se abrirá nas vindeiras semanas.