Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2013

03/10/2013

Alumnos e bolseiros da Fundación TIC realizarán prácticas na rúa durante a celebración do San Froilán

alumnos en prácticasalumnos en prácticas

- Os traballos comezarán coa gravación da obra de teatro De Froilán a San Froilán e a proxección dun documental editado pola TIC sobre o pintor Xoán Guerreiro
- Os alumnos da Escola de Imaxe e Son colaborarán na campaña I´m From Lugo e recibirán clases prácticas complementarias na carpa sita no lateral do Concello

Un equipo formado por bolseiros e estudantes da Escola de Imaxe e Son (EIS), coa supervisión de docentes e técnicos da Fundación TIC, dependente da Deputación, realizarán numerosas prácticas na rúa durante os días de celebración do San Froilán. Os alumnos da EIS, o único centro de ensino audiovisual na provincia, comezarán este venres, día 4 de outubro, coincidindo co inicio oficial das festas patronais de Lugo, coa gravación da representación teatral De Froilán a San Froilán, na praza de Santa María, e coa proxección dun documental, editado por bolseiros da Fundación TIC, centrado na figura do pintor lugués Xoán Guerreiro.

A TIC co I´m From Lugo
A Fundación TIC, a través do convenio que mantén co grupo El Progreso, apoiará a campaña I´m From Lugo 2013. Estudantes de primeiro curso dos ciclos de Realización e Produción da Escola fotografiarán, entre os días 5 e 13 de outubro, a todos os lucenses e visitantes que se acheguen á carpa situada a carón da Casa Consistorial lucense. Cada unha destas fotografías ilustrará unha portada personalizada do xornal, que aparecerá publicada o mesmo día na súa edición dixital acompañada dun breve texto. Os alumnos inxerirán a imaxe da web de El Progreso nunha memoria USB con forma de pulseira, co lema I´m from Lugo, que se entregará ós participantes na iniciativa.

A actividade do alumnado da Escola complementarase coa gravación dos actos incluídos no programa do San Froilán e do ambiente nas rúas durante os días de celebración das festas patronais de Lugo. Ademais, os alumnos da EIS recibirán clases prácticas complementarias durante as tardes, na carpa.

A vida do patrón
Bolseiros da Fundación TIC gravarán e editarán un vídeo coa posta en escena da obra De Froilán a San Froilán, que representará o grupo de teatro da Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Arte Ramón Falcón o venres día 4, ás 21:15 horas, na praza de Santa María. A peza narra a vida do patrón de Lugo a través dos datos bibliográficos recompilados por Ignacio Rodríguez Egibar, membro da devandita asociación, coa que a TIC asinou hai un ano un convenio de colaboración.

A TIC cos artistas da provincia
Ás colaboracións da Fundación TIC durante o San Froilán 2013 engádese a proxección dun documental, realizado e editado por bolseiros da TIC, sobre o pintor Xoán Guerreiro, mariñano de Xove. O vídeo, no que o artista fala da súa traxectoria vital e artística, amosando a súa obra, proxectarase durante o acto de inauguración da exposición Arredores, o día 4 de outubro, no Círculo das Artes da capital.

Outro dos traballos dos alumnos durante estes días, para o que contarán novamente co apoio de técnicos da TIC, será a gravación, o vindeiro día 6, dun vídeo musical do cantautor lucense David Prado, que conta coa colaboración do produtor Arturo Vaquero. As secuencias deste vídeo filmaranse en diferentes balcóns da rúa Nova, no casco histórico lucense.

Na actualidade, a Fundación TIC ten asinados máis dun cento de convenios de colaboración con entidades sen ánimo de lucro para difundir o seu labor social na provincia, e con empresas do sector audiovisual para facilitar a inserción laboral dos estudantes da EIS.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet