Os alumnos da Fundación TIC, os primeiros en ver a película de Angel de la Cruz “Todos os Santos”
- O gañador de tres premios Goya e padriño da oitava promoción da EIS impartiu unha clase maxistral sobre os seu traballo como director, guionista e produtor
- Bolseiros e alumnos da EIS participaron como axudantes e extras nesta longametraxe para televisión grazas ó convenio entre a TIC e produtora galega Artemática
- Álvaro Santos destacou a importancia de “apoiar a empresas como Artemática que dan emprego a moitos profesionais do sector audiovisual en Galicia”
Os alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC (EIS), organismo dependente da Deputación de Lugo, foron os primeiros en ver a película “Todos os Santos” nun pase privado que tivo lugar este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. A preestrea desta longametraxe para televisión, que se rodou en parte na cidade de Lugo e contou coa participación de bolseiros e alumnos da Escola, será este mércores na Coruña e emitirase na Televisión de Galicia o 1 de novembro.
Catro bolseiros da EIS participaron como axudantes nos postos de máis responsabilidade durante toda a rodaxe grazas ó convenio asinado entre a TIC e a produtora Artemática, do cineasta coruñés Angel de la Cruz, gañador de tres premios Goya. Ademais, os estudantes da Escola visitaron os sets de gravacións nas localizacións que tiveron lugar no mes de marzo na cidade de Lugo, e mesmo participaron como extras.
Apoio ó sector audiovisual
Á proxección da película tamén asistiron ó patrón da TIC e Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, o produtor executivo de Artemática Producciones, Angel de la Cruz, o director da longametraxe, Chema Gagino, e Isabel Blanco, unha das actrices da longametraxe. Santos dixo que “nesta ocasión o lugar elixido para ver a película por primeira vez cobra un significado especial, xa que este mesmo salón foi unha das localizacións da película”.
Ademais, o patrón da TIC destacou a importancia de colaboracións coma esta xa que “serven de práctica ós nosos alumnos e titulados, ó tempo que os introduce no mundo laboral do audiovisual galego. Pero tamén quero subliñar o apoio que, desde a TIC, estamos dispostos a prestar a empresas como Artemática, que dan emprego a moitos profesionais do sector en Galicia”.
Clase maxistral de Angel de la Cruz
Antes da proxección da película, Angel de la Cruz mantivo un novo encontro cos estudantes do único centro da provincia que imparte ensinanza superior da rama audiovisual. O cineasta, que foi o padriño da oitava promoción da EIS, ofreceu ós estudantes unha clase maxistral sobre o traballo que desenvolve como director, guionista e produtor. De la Cruz que xa aportou a súa experiencia en encontros anteriores cos alumnos da EIS, é un prestixioso cineasta que recibiu tres Goyas, os dous primeiros pola dirección de “O Bosque Animado” (2001) e o “Soño dunha Noite de San Xoán” (2005), e o último no 2012, ó mellor guión adaptado por “Arrugas”.
Lugo: plató de cine
A rodaxe de “Todos os Santos”, que está ambientada en Lugo, conta con varias localizacións na cidade amurallada, a onde se trasladou todo o equipo o 8 de marzo deste año. Un do lugares elixidos foi o polígono das Gándaras, onde se gravou un percorrido en autobús; tamén se filmaron planos xerais da muralla e da Avenida da Coruña. Ademais o equipo de rodaxe traballou no Pazo de San Marcos, edificio no que simularon as estancias dun antigo cine empregando as escaleiras de entrada e o salón de actos do edificio.
Comedia de misterio e humor
“Todos os Santos”, escrita por José Antonio Pastor, foi finalista do terceiro premio Pilar Miró que concede a Academia das Ciencias e das Artes da Televisión. Artemática Producciones foi a encargada de realizar a película para a Televisión de Galicia. A película conta a historia de tres irmáns, fillos dun pai desaparecido. Logo da morte da nai no día do primeiro de novembro, acordan reunirse nesa data no seu pazo de Lugo. Nos tres anos seguintes, cada un dos irmáns releva unha parte dun segredo familiar que afectará ós outros dous. Segundo Angel de la Cruz, trátase dunha comedia amable, malia ó truculento da sinopse, aínda que non deixa de ter o seu misterio.