A Fundación TIC emitirá mañá en directo a conferencia de Trías de Bes por streaming
-Con este sistema, bolseiros e técnicos da TIC farán posible que os interesados poidan seguir a conferencia do economista a través da internet e dos plasmas que se instalarán no Salón de Plenos para unha mellor visualización
-Esta colaboración forma parte do obxectivo da Fundación de promover as novas tecnoloxías e poñelas ó servizo dos intereses dos cidadáns.
A Fundación TIC emitirá en directo, a través do sistema streaming, a conferencia que Trías de Bes impartirá mañá mércores na Deputación baixo o título “Da creatividade á innovación: o eslabón perdido”, na que falará sobre como xestionar o proceso de creación para superar os atrancos e converter unha idea en exitosa.
O traballo do equipo formado por bolseiros e técnicos da TIC fará posible que todas as persoas interesadas en seguir en tempo real a charla do economista poidan facelo dende as súas casas e a través de dispositivos móbiles. Será na páxina web da Deputación no seguinte enlace: www.deputacionlugo.org.
Aposta polas TICs
Esta colaboración da Fundación TIC ten como obxectivos: servir de práctica nun escenario real ós bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS); promover o uso das novas tecnoloxías, difundir as reflexións sobre o impacto das mesmas da man dun especialista coma é Fernando Trías de Bes; e estar ó servizo dos intereses e demandas dos cidadáns.
Prestixoso Economista
Fernando Trías de Bes naceu en Barcelona en 1967. Cursou Ciencias Empresariais e MBA en ESADE e na Universidade de Michigan. É experto en mecadotecnia e innovación e autor de numerosos ensaios e libros de ficción. Recibiu numerosos recoñecementos, entre os que destacan o Shinpukai (Xapón, 2005) ou o Premio De Hoy de ensayo (España, 2009), e é tamén un destacado escritor de ficción.
Cofinanciado con fondos europeos
A visita de Trías de Bes enmárcase dentro do ciclo de conferencias Innova-TE2, o programa tecnolóxico da Deputación, financiado nun 80% pola Unión Europea; e pretende servir de exemplo a novos emprendedores da provincia para que aproveiten os recursos da TICs. A cita será de participación libre e gratuíta.