Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2013

27/11/2013

A TIC colabora este mércores coa Gala de Unicef a favor dos nenos afectados polo tifón en Filipinas

-Bolseiros e técnicos da TIC realizarán un DVD que recollerá íntegro o festival benéfico grazas ó convenio que mantén a Fundación ca delegación en Lugo da ONG para difundir o seu labor e aumentar a experiencia laboral dos titulados na EIS

-As entradas, cun custe de 5 euros, pódense adquirir por anticipado no Círculo das Artes en horario de 17:00 a 20:00 horas ou ben o mesmo día da celebración do evento

A Fundación TIC colaborará con Unicef coa gravación da IV Gala de Danza que se celebrará este mércores, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes e coa que a ONG recadará fondos para ós programas solidarios que ten en marcha. Neste momento, a prioridade da organización é enviar axuda a nenos e familias afectados polo tifón que arrasou Filipinas o pasado 8 de novembro.


Bolseiros coa supervisión de técnicos da TIC serán os encargados de gravar o evento benéfico. Ca filmación, realizarán un DVD onde se recollerán íntegras as actuacións que porán en escena alumnos do Conservatorio de Danza e que servirá á organización humanitaria como soporte gráfico para difundir a acción solidaria. Isto é posible grazas ó convenio de colaboración que a TIC mantén coa delegación de Unicef en Lugo para difundir o seu labor. Con este acordo ademais ofrécese ós titulados da Escola de Imaxe e Son (EIS) maior experiencia laboral para aumentar as posibilidades de atopar un traballo no audiovisual logo da extinción da súa bolsa.



Apoio e Danza

A Fundación TIC, organismo dependente da Deputación, apoia un ano mais este festival anual a favor de Unicef que acada xa a súa cuarta edición co fin de recadar fondos para axudar a un dos grupos máis vulnerables da sociedade, os nenos. A Gala contará cun total de trece actuacións que interpretarán alumnas e alumnos do Conservatorio de Danza de Lugo. Deste xeito, os asistentes terán a ocasión de ver funcións clásicas como Isadora Nena, O Quebranoces, The Bell, Giselle ou Le Croix, entre outras. As entradas custan 5 euros e pódense mercar xa no Círculo das Artes, en horario de 17:00 a 20:00 horas, ou ben o mesmo día da celebración do festival benéfico.



Axuda urxente
Unicef Lugo traballa en máis de 190 países e territorios para mellorar a vida dos nenos e nenas que viven nos países en desenvolvemento e faino a través dos programas de cooperación e acción de emerxencia que levan a cabo. Precisamente, nestes momentos a máxima prioridade da ONG é recadar fondos para distribuír canto antes menciñas, alimentos, auga potable e artigos de hixiene ós 5 millóns de nenos e familias filipinas afectados polo paso do devastador tifón Yolanda que chegou a destruír pobos enteiros. Unicef está presente en Lugo desde 1989, conta con 1.600 socios na provincia e está financiado pola contribución de cidadáns, empresas, fundacións e administracións.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet