Alumnos da TIC participarán no programa Vía V que V Televisión emite este mércores desde Lugo
-Gómez Besteiro será un dos invitados ó debate informativo que dirixe e presenta Fernanda Tabarés de 21:40 a 24:00 horas
-Alumnos de realización e produción da EIS realizarán funcións de auxiliares de operador de cámara, produción, son e iluminación
-Os estudantes da Escola visitaron a rodaxe da película “Schimbare” no pazo de Adai no Corgo
Alumnos da Fundación TIC participarán na realización do programa Vía V, o debate informativo que V Televisión emitirá este mércores en directo desde o Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo. O programa, que presenta e dirixe Fernanda Tabarés de 21:40 a 24:00 horas, contará entre os seus invitados co Presidente da Fundación e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que será entrevistado por Miguel Cabana, Ernesto Sánchez Pombo e Pilar García Negro.
Un equipo formado por 13 alumnos de segundo de Realización e Produción da Escola de Imaxe e Son (EIS) farán prácticas como auxiliares de operador de cámara, son, produción e montaxe. Este martes xa colaboran nos labores de montaxe da iluminación e da unidade móbil, e o xoves axudarán na recollida de todo o material empregado para a emisión en directo. O resto do alumnado da Escola, xunto co persoal docente, asistirá como público para comprobar in situ como se desenvolve un programa destas características.
Ademais, a Fundación TIC aportará o material necesario para realizar a amplificación de toda a microfonía. Tamén instalará un plasma para que o público que acuda ó Círculo das Artes poida ver as imaxes que está a emitir en directo V Televisión.
Práctica nun escenario real
Esta actividade forma parte do programa de prácticas en escenarios reais, un dos sinais de identidade da Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro da provincia que imparte ensinanza superior da rama audiovisual. Hai moitos outros exemplos nos que os alumnos da TIC deben enfrontarse a traballos audiovisuais reais, como a realización da Gala da Moda, a transmisións en directo por streaming de todos os concertos do Resurrection Fest de Viveiro ou a gravación da Noite Aberta.
Visita á rodaxe
Por outra banda, todos os alumnos de Realización e Produción tamén visitaron a semana pasada a rodaxe da película “Schimbare” no pazo de Adai, no Corgo. Trátase dun filme ambientado en Romanía no que participan os actores Candela Peña e Luis Zahera, e que supón o debut en longametraxe do director lalinense Álex Sampayo.