Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2014

06/02/2014

A Fundación TIC difunde o labor docente e de investigación da Estación Científica da USC no Courel

- Un documental sobre a serra do Courel, que se proxectará durante as visitas ás instalacións, contribuirá á promoción da ECC sita en Seoane
- Na presentación do vídeo, Álvaro Santos salientou “a calidade do traballo que fai fincapé nos valores históricos, culturais, ecolóxicos e paisaxísticos da serra do Courel”

Un documental sobre a serra do Courel realizado pola Fundación TIC contribuirá á promoción da Estación Científica da Universidade de Santiago de Compostela (ECC) sita en Seoane. O patrón da TIC e Deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos, afirmou que o vídeo “ten como finalidade a difusión do importante labor de investigación e docencia que a USC está a desenvolver nesta área da montaña de Lugo, que agarda a declaración de Parque Natural”. A montaxe proxectarase durante as visitas ó centro, e será accesible dende a páxina web da universidade compostelá.
Na presentación do vídeo, Santos salientou “a calidade do traballo de colaboración entre a TIC e a USC, no que se fai fincapé nos valores históricos, culturais, ecolóxicos e paisaxísticos da serra do Courel, con imaxes sorprendentes como as da Dobra Tombada de Campodola, un pregamento declarado Monumento Natural pola súa significación xeolóxica”. Ó acto, que tivo lugar este xoves na Estación Científica do Courel, asistiron tamén o vicerreitor Adxunto de Investigación, Pablo Ramil; o director da ECC, Antonio Rigueiro, e a alcaldesa do Courel, Dolores Castro.


As actividades da ECC
O vídeo amosa as instalacións da Estación Científica do Courel, que está preparada para acoller as visitas relacionadas coa actividade docente de estudantes da ESO, BAC e universitarios. O edificio de 900 metros cadrados foi construído en terreos cedidos polos veciños de Seoane á Universidade de Santiago. Dispón de salón para a celebración de cursos e de conferencias, laboratorios e residencia con capacidade para albergar 8 investigadores.

Colaboración e prácticas profesionais
O patrón da TIC dixo que “a colaboración coa USC pretende tamén garantir unha formación de calidade dos bolseiros da EIS coa súa participación en traballos profesionais coma o realizado no Courel co asesoramento dos investigadores da USC”.

Na actualidade, a Fundación TIC ten asinados convenios con mais dun centenar de entidades entre as que se atopan ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir as súas actividades mediante a realización de proxectos audiovisuais, na procura de complementar os coñecementos teóricos dos seus alumnos con numerosas prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa integración no mundo laboral.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet