Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2014

12/02/2014

1.300 persoas seguiron en directo o VII Campionato de Baristas de Escolas de Hostalería a través da web da TIC

  • archivos/fotos/grandes/1671_IMG-20140211-WA0004.jpg

  • archivos/fotos/grandes/1671_IMAG0543.jpg







- Lara Méndez e Alfredo Llano asistiron á final desta competición na que participaron 17 Escolas de Hostalería de España e Portugal
- Os responsables provinciais destacan o amplo seguimento das probas grazas ós alumnos da EIS, encargados da realización, gravación e emisión por streaming
- Mañá tamén se emitirá a través da web www.fundaciontic.org o II Campionato Internacional de Baristas Profesionais

Un total de 1.300 persoas seguiron en directo a Final do VII Campionato de Baristas de Escolas de Hostalería a través da web da Fundación TIC (www.fundaciontic.org), que tamén emitirá mañá por streaming o II Campionato Internacional de Baristas Profesionais grazas ó labor dos alumnos de 2º do Ciclo de Realización da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual.

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, asistiron este martes no IES de Foz á competición das escolas de hostalería na que participaron 17 centros de España e Portugal. Lara Méndez asegurou que “esta nova colaboración entre a TIC e o instituto focense permitiu ver os detalles de todas as probas e seguilas en directo desde calquera parte do mundo”. Ademais, a Vicepresidenta afirmou que “os campionatos de baristas que se celebran estes días na Mariña converten a Foz nun punto de referencia desta disciplina a nivel nacional, fomentando unha formación de calidade de cara á creación de emprego no sector hostaleiro”.

Pola súa banda, Alfredo Llano dixo que “esta tamén é unha boa oportunidade para que os alumnos da EIS fagan prácticas nun escenario real, xa que son eles os que realizan, gravan e emiten por streaming o evento”, e destacou o amplo seguimento a través da web da Fundación da Final do VII Campionato de Baristas de Escolas de Hostalería.


Cobertura os tres días de competicións
A TIC ampliou a cobertura ós tres días do encontro de campionatos internacionais de baristas, que se desenvolven do 10 ó 12 de febreiro. Deste xeito, ademais do VII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e o II Campionato Internacional de Baristas Profesionais, nesta ocasión os alumnos da EIS realizaron e gravaron o II Campionato internacional de catas de café, que tivo lugar na xornada inaugural. Este mércores celébrase o II Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que tamén se poderá ver en directo por internet. Neste caso reunirá a 16 especialistas, entre outros, os actuais campións baristas de Galicia, Guillermo González; de Asturias, Adrián González; de Murcia, Edwin Chaverra; e de Cantabria, Alexis Javier Silva.

Práctica nun escenario real
Esta actividade da TIC é unha práctica do módulo de Realización de Televisión da EIS e nela os alumnos de 2º de Realización, co apoio de docentes, emiten as probas dos campionatos a través da páxina web da TIC. Ademais, os que se achegan ata o instituto focense poden seguir as demostracións dos participantes sen perder detalle, grazas a dúas pantallas de plasma. Coma noutras edicións, o material audiovisual que se obteña empregarase para a edición dun DVD, que se entregará posteriormente ó IES de Foz. Para esta práctica, os alumnos da EIS están a empregar unha unidade móbil, 5 cámaras autónomas e todo o material para o streaming. Cada estudante rota por todos os postos, dende realización, son, ou operador de cámara, e están pendentes de todo o equipo necesario para o directo.

Apoio ó sector hostaleiro da provincia
A colaboración entre a TIC e o instituto de Foz é froito dun convenio entre ambas entidades, que ten como finalidade promover no exterior as ensinanzas de hostalería que se imparten no IES mariñán, ó tempo que os estudantes da Escola de Imaxe e Son completan a súa formación de cara a súa inserción laboral.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet