Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2010
11/01/2010
A Fundación TIC convocará o 'I Concurso Nacional de Curtas e Maquetas Lugo10'
Rolda de prensa de Lugo 10
O Alcalde de Lugo e o Presidente do organismo provincial presentaron a programación coa que se conmemora o décimo aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade.
Baixo a marca Lugo10 englobarase todo un programa de actos e actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano dirixidos á cidadanía en xeral e a potenciar a autoestima da cidade e a promocionala entre os visitantes.
Presentación de Lugo 10
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron este luns o programa Lugo10 no que o organismo provincial inviste 150.000 euros, e completa esta iniciativa impulsada polo Concello da cidade. Trátase dunha campaña co que ámbalas dúas institucións conmemoran os 10 anos da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial, un título que concedeu a UNESCO marcando a historia da provincia.
En 2009, coa concesión da mesma distinción á Torre de Hércules, a cidade de Lugo pasaba a formar parte, xunto coa Coruña e Santiago, das tres cidades que ostentan concesións da UNESCO conformando o Triángulo Máxico do Patrimonio Mundial Galego.
López Orozco destacou que o galardón axudou a que todos os lucenses reclamasen os dereitos que a Lugo lle corresponden como unha das grandes cidades de Galicia. “Aumentou a autoestima da cidade e conseguimos que Lugo fose coñecida máis aló das nosas fronteiras, un logro que agora esperamos consolidar facendo que este Lugo10 eleve a cidade ao cumio do coñecemento e o recoñecemento mundial”, expuxo.
Entre os obxectivos, López Orozco destacou que están moi claros e que pasan por: reactivar a economía, impulsar o turismo, apostar polos proxectos lucenses e pola promoción exterior da Muralla. “Que en todos os actos que faga o Concello se prime a filosofía do Lugo10 e implicar o conxunto da cidadanía que levará o nome da cidade e da Muralla ao mundo enteiro. Temos que ser entre todos difusores da nosa riqueza”, remarcou.
“Hai 10 anos tivo un papel fundamental a cidadanía, un papel que queremos que recupere para, dun lado seguir dando valor ao noso patrimonio máis valioso e, doutro, conseguir de novo que a nosa Muralla sexa o noso altofalante no mundo enteiro”, sinalou.
Baixo a marca Lugo10 englobarase todo un programa de actos e actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano e que estarán dirixidos á cidadanía en xeral e a potenciar a autoestima da cidade e facer que esta sexa contaxiada a todos os que nos visiten e nos coñezan.
Lugo10 recolle ademais as potencialidades do noso pasado romano, a nosa Muralla e o Camiño de Santiago que pasa por Lugo nun ano no que, ademais é Ano Santo. Esas potencialidades serán levadas a todas as esferas da sociedade: aos barrios, aos colexios, á rúa, ao centro, ao rural... Será unha programación que implique ao maior número posible de persoas: aos nenos, aos maiores, ás empresas, ás institucións, aos políticos....
Na súa intervención, López Orozco fixo un chamamento á toda a cidadanía para facer que a Muralla e a cidade, o Lugo10, “sexa de todos, máis aló das nosas fronteiras”. Así mesmo, explicou a importancia da imaxinación e a creatividade para levar adiante o proxecto, en anos de especiais dificultades económicas.
voltar
Difusión da marca Lugo10
Para que o proxecto trascenda o carácter local está previsto ademais abrir este ano Lugo10 ao mundo, a todos aqueles que xa nos coñezan e aos que aínda non saben de nós. Así, entre as accións a desenvolver está a posta en marcha desde hoxe mesmo da
web www.lugo10.es que estará aloxada na web www.lugo.es pero á que poderá accederse de xeito independente desde calquera conexión do mundo.
Tratase dun site no que atopar a programación en relación con Lugo10, a información sobre Lugo e a Muralla e todos e cada un dos actos que recolla todo un ano de dedicación ao noso monumento máis importante.
Preténdese que sexa unha web aberta aos internautas, na que poidan participar coas súas achegas, enviar as súas fotografías, converténdose nunha verdadeira rede social sobre a cidade.
Á web súmase o correo electrónico lugo10@concellodelugo.org para que se envíen todas as suxestións sobre o proxecto. Lugo10 terá presenza ademais en todas as redes sociais como twenti, twitter ou facebook.
voltar
Gala de arranque do ano Lugo10
Esta noite darase o pistoletazo de saída do ano Lugo10 nunha gala que se celebrará no Círculo das Artes e que será retransmitida polas dúas canles de TVG.
Con este evento preténdese marcar o arranque do Lugo10 e que toda a cidadanía coñeza o proxecto que se irá desenvolvendo ao longo de todo o ano.
A gala será presentada pola xornalista lucense Laura Peña e contará coa actuación estelar do grupo Soas formado por Cristina Pato e Rosa Cedrón.
Ademais das actuacións musicais e a humorística de Pepe Suevos, proxectaranse numerosos vídeos elaborados pola Fundación Tic nos que se recollerá todos os valores da cidade e as súas potencialidades.
Nos vídeos atoparemos caras coñecidas na cidade como os irmáns Vallejo, Conchita Teijeiro, Marta Rivera, Marica Campo, Paco Pestana ou Quique Bordell, así como representantes do noso deporte, os nosos medios de comunicación e a nosa gastronomía.
Reproducir Video Gala Lugo 10 (CPP)
Fitur
A seguinte das accións a levar a cabo por parte do Concello en relación con Lugo10 será a presentación deste programa en Fitur, o próximo día 20 de xaneiro. Un acto no que participará o Alcalde da cidade.
voltar
Actuacións concretas dentro da programación Lugo10
Como vimos sinalando, destacou o Alcalde, a programación non está pechada integramente, polo que imos ir desvelando os seus pormenores conforme avance o ano.
Igualmente, hai unha serie de actuacións das que xa podemos ir dando conta e que forman parte do programa de Lugo10:
1. Coca-Cola a través de Begano deseñará unha botella conmemorativa de Lugo10 e o Décimo aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial. Será distribuida en todas as canles de comercialización da firma.
2. A Fundación ONCE traducirá a braille toda a documentación que se empregue para a difusión de Lugo10, así mesmo fará un cupón conmemorativo deste aniversario e traerá a Lugo unha exhibición nacional de cans guía.
3. A produtora do filme Agora, Mod Producciones, traerá a Lugo unha exposición con todos os traxes da película.
4. Haberá exposicións. Tamén con varias propostas externas como as da Fundación La Caixa, incluídas en Lugo10, por exemplo a recoñecida exposición Orígenes.
5. DO Ribeira Sacra elaborará un viño conmemorativo, etiquetado como Lugo10.
6. Lugo10 estará presente na celebración do 75 aniversario do Club Fluvial.
7. Realizaranse actividades nos colexios, coas asociacións, cos clubes deportivos, cos centros de convivencia, na zona rural...
8. Farase un encontro internacional de bloguers e redes sociais en relación coa Muralla
9. Toda a programación anual relacionada co Concello centrarase no décimo aniversario da muralla. Visitas teatralizadas, certames, Arde Lucus...
10. Haberá un servizo de guías exclusivo para a Muralla que poderán utilizar os lucenses e os visitantes.
11. Teremos sorpresas cos hostaleiros da cidade, e crearemos o premio Lugo10 no concurso de Tapas e pinchos.
12. Iberia bautizou a un dos seus Airbus 320 tamén como Muralla de Lugo.
13. O Conservatorio de danza de Lugo comezou xa a preparar unha coreografía sobre a muralla que presentarán ao longo do ano.
14. O humor, virá da man, entre outros de Luis Piedrahita e Flipy.
15. Estarán en Lugo, Los Secretos, coa súa nova xira.
16. Música clásica: o ano 2010 traerá á cidade a grandes figuras da música como a mezzosoprano italiana Romina Basso, a soprano madrileña María José Moreno, o pianista italiano Andrea Lucchesini, a soprano extremeña María Espada ou as dúas mezzosopranos suecas, Ann Hallenberg e Katerina Karnéus.
17. Tamén visitarán a cidade dúas agrupacións de renome internacional como La Risonanza e Il Complesso Barocco dirixidas, polos prestixiosos directores e fundadores Fabio Bonizzoni e Alan Curtis. Case todos eles debutan en Lugo.
18. Tamén haberá breakdance e música lucense polas rúas e prazas da cidade.
19. Os máis novos e os colexios, terán un papel protagonista. Lugo10 entrará de cheo no Goberno Infantil e celebraremos unha festa cos cativos e cativas de Lugo que cumpren 10 anos neste 2010.
20. Ademais da aposta dos clubes que levarán o nome da nosa cidade e da nosa Muralla romana alí onde vaian, o deporte de base e de elite tamén terá presencia en Lugo10. Levaremos a cabo por primeira vez en Lugo a Subida pedestre á calzada romana e a I Subida a Lugo. Ademais da Carreira Solidaria Lugo Monumental Gran Premio Lugo10. Son só adiantos pero haberá máis de 100 actividades deportivas ao longo de ano que se desenvolverán entorno á Muralla Romana de Lugo.
21. Europa tamén se fixará este ano na nosa Muralla. Lugo, entre outras cousas acollerá un encontro de cidades con patrimonio mundial romano.
22. Teremos tamén un San Froilán de luxo entorno á muralla e con concertos Lugo10.
23. Arde Lucus terá como eixo motor o pasado romano lucense e o seu monumento máis emblemático. Será os días 25-26 e 27 de xuño. Con numerosas novidades enmarcadas en Lugo10.
24. Abrazo á Muralla
López Orozco subliñou que se trata dun programa que irá evolucionando e irán dándose a coñecer as accións, se ben é certo que o obxectivo final é que a cidadanía de Lugo se implique no proxecto para promocionar e dar a coñecer a Muralla e para seguir medrando ao seu carón.
voltar
Colaboración da Deputación de Lugo
Pola súa banda, o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro explicou que cando hai 6 meses o Alcalde solicitou o seu apoio para participar no proxecto Lugo10 “non o dubidou nin un segundo”, dentro da máxima da Deputación de Lugo de “xuntos aforramos máis”.
“Se sumamos a celebración do Ano Santo –somos a provincia galega con máis quilómetros de Camiños de Santiago- ao décimo aniversario da Muralla, temos diante nós unha oportunidade económica única en Galicia, que xa lles gustaría ter a outras provincias”, destacou.
Así, expuxo que a Deputación inviste –porque non é un gasto, é un investimento- máis de 150.000 euros en Lugo 10, completando a programación deseñada polo Concello de Lugo.
Achegas da Deputación de Lugo ao proxecto:
25. Antes do verán un stand turístico-medioambiental móbil e pioneiro en España, en forma de barco pesqueiro, homenaxeará á Muralla, levando o seu nome por toda a xeografía española. O Barco Muralla de Lugo non só funcionará como aula medioambiental, promocionando a nosa provincia, senón que “surcará” as estradas para estar presente en feiras e festas contribuíndo á comercialización dos produtos autóctonos lucenses.
Neste momento estamos ultimando a construcción do barco, no seu interior ten ordenadores, todo tipo de información medioambiental da nosa provincia e mobiliario náutico. Presentaremos o Muralla de Lugo nunha “botadura” oficial, como se fai con todas as embarcacións.
26. Este ano celebramos o decimo quinto aniversario do Centro de Artesanía e Deseño. Reorientamos esta celebración ó décimo aniversario da Muralla, polo que un dos actos principais será a “Pasarela Muralla Moda 2010”, en colaboración coa tenda “Dulce Locura” de Lugo. Presentaremos as últimas tendencias do mundo da moda xunto ás creacións dos nosos artesáns, deseñadores e xoieiros, e todo cun fin solidario, xa que os beneficios da gala serán destinados a organizacións sen ánimo de lucro.
27. Igual que esta provincia medrou de costas á Mariña lucense, a cidade de Lugo ten que seguir abríndose ó río. A Deputación inicia este ano a campaña “Lugoteando”, dedicada a Lugo e a auga. Dentro do aniversario da Muralla, organizaremos actividades acuáticas que poñan en valor o segundo patrimonio lucense ademais do histórico: o medioambiental.
28. Para conseguir a máxima difusión fóra de Galicia, desde a Fundación TIC -dependente da Deputación de Lugo- celebraremos este ano o I Concurso Nacional de Curtas e Maquetas Lugo 10. Aínda que imos presentar publicamente as bases, as curtametraxes e un mínimo de cancións das maquetas de música terán que versar en torno á Muralla.
“É dicir, Deputación e Concello de Lugo pasan páxina, deixando atrás a “E” de enfrontamento histórico que os dividiu durante décadas para entrar de cheo na U de unión, organizando toda unha campaña económica baixo a marca Lugo 10. A mesma “U” de unión que nos fixo camiñar xuntos na posta en marcha da UNED e do Urban”, remarcou Besteiro.
Ambos os mandatarios destacaron que Lugo10 supón unha gran oportunidade para o turismo e a reactivación económica, para o cal será precisa a implicación social de toda a cidadanía e o apoio dos patrocinadores.
O Alcalde de Lugo agradeceu de xeito especial a colaboración no proxecto da Deputación e de todos os patrocinadores, “sen os cales non tería sido posible Lugo10”.
voltar
Patrocinadores
O Alcalde de Lugo explicou que o proxecto non sería posible sen o apoio de importantes empresas, institucións e interesados en que Lugo e a súa Muralla reciban o recoñecemento que se merece cando cumpre 10 anos de Patrimonio Mundial. Así, por citar algúns, forman parte deste ambicioso proxecto:
- Concello de Lugo
- Deputación de Lugo
- Fundación Tic
- Goberno de España
- Telefónica
- Calfensa
- Nupel
- Urbaser
- Emetel
- Gestagua
- Transportes Valín
- Cociñas Lareira
- ONCE
- Coca-Cola
- Denominación de Orixe Ribeira Sacra
- Fundación César Egido
“Estamos comezando o proxecto polo que sabemos que o listado final será moito máis numeroso. Con todos eles asinaremos un convenio que dea conta da colaboración e nos permita traballar por Lugo10 e a súa difusión”, indicou.
voltar
Volver