Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2014

19/08/2014

A TIC colabora un ano máis coa asociación cultural Mundo de Galea nos actos celebrados polo Día do Mariscal

Mundo GaleaMundo Galea

A Fundación súmase á homenaxe a Pardo de Cela a través da gravación do evento para a súa difusión en formato DVD e a elaboración dunha reportaxe informativa
Lino Rico, músico e profesor do Conservatorio de Música de Viveiro, Xosé Vizoso, artista plástico, Martín Fernández, xornalista e escritor, e Cruz Otero, directora do Colexio Público nº1 de Foz únense á lista dos persoeiros mariñanos nomeados cabaleiros e donas no Día do Mariscal

A Fundación súmase á duodécima edición do Día do Mariscal Pardo de Cela que organiza a asociación cultural Mundo de Galea o próximo domingo 24 de agosto. Os actos, que terán lugar na Casa da Cultura de Alfoz e nas dependencias da Finca Galea, teñen como obxectivo o recoñecemento a persoas e institucións vinculados á Mariña que a través do seu labor nos eidos cultural, social ou empresarial que colaboran e promoven os numerosos valores da costa lucense.
A colaboración da TIC levarase acabo a través da gravación da homenaxe para a súa posterior difusión en soporte DVD e a edición e elaboración dunha reportaxe informativa que se difundirá a través de páxinas web culturais e de promoción da provincia e das redes sociais.
Nesta ocasión os nomeados como Cabaleiros do Mariscal Pardo de Cela serán Lino Rico, músico e profesor do Conservatorio de Música de Viveiro, Xosé Vizoso, artista plástico mindoniense, e Martín Fernández, xornalista, escritor e director do Departamento de Comunicación da Deputación de Pontevedra. Pola súa banda Cruz Otero, directora do Colexio Público nº1 de Foz, que este ano cumpre o seu quincuaxésimo aniversario, será investida Dona de Sabela de Castro.
Desenvolvemento da xornada
Os actos comezarán á unha do mediodía na Casa da Cultura de Alfoz coa conferencia que Martín Fernández Vizoso, estudoso do fenómeno da emigración galega a América, pronunciará baixo o título “Presenza dos concellos da Ruta Pardo de Cela en Cuba”. A continuación os presentes trasladaranse á Finca Galea onde os investidos plantarán senllos castiñeiros no Bosque do Mariscal e serán oficialmente investidos Cabaleiros do Mariscal Pardo de Cela e Dona de Sabela de Castro. Un xantar típico galego e a actuación do grupo musical do Conservatorio de Música de Viveiro porán o punto e final a esta xornada festiva.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet