Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2014

02/10/2014

Os alumnos da TIC volven coas cámaras á rúa na V Noite Aberta

- Os estudantes de 2º da Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro público da provincia no eido audiovisual, gravarán o desfile de moda e as actuacións musicais do evento no que participan 60 comercios da capital
- Co material resultante, editarán un vídeo e reportaxes que contribuirán á promoción do comercio de Lugo ó abeiro do convenio asinado coa Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais

Alumnos de Realización e Produción de 2º curso da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC, entidade que depende da Deputación, gravarán a quinta edición da Noite Aberta que ten lugar este venres, día 3, entre ás 17:00 e ás 23:00 horas. No evento, que organiza a Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo, participarán 60 comercios do centro da capital con descontos importantes nos produtos que poñen á venta.

Os estudantes da TIC, divididos en equipos baixo a supervisión de docentes e técnicos da TIC, filmarán o desfile de moda que presentará a cantante Lucía Pérez, a partir das 18:00 horas, na Praza Maior. Un equipo de vídeo autónomo dará cobertura ós espectáculos e actuacións musicais previstos nos comercios e na rúa, entre os que figura o Dj Manu López. Os alumnos tamén se ocuparán de realizar unha reportaxe fotográfica completa da Noite Aberta, incluído o paso das modelos e do público polo photocall , que se vai instalar diante do Concello.

Posteriormente, os alumnos da EIS, o único centro público da provincia no eido audiovisual levarán a cabo a edición dun vídeo coas gravacións realizadas ó longo da xornada, e reportaxes que contribuirán á promoción dos establecementos participantes, e do comercio lucense en xeral.

O impulso da TIC ós autónomos
A colaboración coa organización da Noite Aberta enmárcase na aposta da Fundación TIC a prol da actividade comercial e dos autónomos da provincia. Neste caso, o apoio da TIC súmase ó doutras iniciativas como a Feira Outlet e o Street Market dentro do convenio asinado coa Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo. Por outra banda, a iniciativa permite ós estudantes da EIS realizar unha vez mais prácticas profesionais en escenarios reais, un dos piares básicos da formación de calidade que imparte o centro de referencia en Galicia da Formación Profesional no eido audiovisual.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet