Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2014

15/11/2014

Ensino de calidade, innovación, benestar dos maiores e promoción da provincia, claves da TIC para 2015

PatronatoPatronato

-O Padroado aproba un orzamento de 1,6 millón de euros para a Fundación TIC, que manterá a gratuidade da matrícula da EIS por oitavo curso consecutivo
-Gómez Besteiro dixo que “apostaremos pola Animación 3D, potenciaremos o Lugo Film Commision e incrementaremos o labor social con convenios de colaboración, que xa superan os 130”
-Anunciou que a TIC seguirá a xestionar o Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia no InLugo cunha nova encomenda

O Padroado da Fundación TIC aprobou este xoves o presuposto para 2015, que ascende a 1.608.936 euros, un 2% máis que no exercicio anterior. Ademais, a TIC continuará xestionado o Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores no Centro de Innovación Social grazas a unha nova encomenda da Deputación, que entrará en vigor cando remate, no mes de marzo, a encomenda dos fondos europeos do Innova-TE 2.

O Presidente da entidade e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que “as claves dos orzamentos da TIC para o que vén serán o ensino público de calidade, a innovación, a promoción da provincia e o labor social”. Pero tamén “é a nosa votade política seguir traballando polo benestar dos maiores a través das novas tecnoloxías. Por iso, a Deputación aprobará unha nova encomenda, neste caso con fondos exclusivamente provinciais, para continuar co importante labor que está a desenvolver o InLugo, avalado pola alta demanda, que duplicou ó número de inscritos”.

Emprego e innovación
Gómez Besteiro apuntou que “o emprego seguirá a ser a nosa máxima prioridade”. Dentro desta liña a Escola de Imaxe e Son (EIS) impartirá unha formación adaptada ás demandas dun sector en continuo cambio. “Por iso, despois de introducirnos no mundo do deseño de videoxogos, en 2015 o noso reto será a Animación 3D, unha especialidade con gran proxección laboral na industria do entretemento”. Esta novidade estará incluída no programa de formación complementaria destinada a alumnos, titulados e docentes da Escola, e impartirase durante todo o ano académico 2014-2015.

8 anos de matrícula gratuíta
A TIC tamén manterá o esforzo inversor para que a matrícula da EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanza superior da rama audiovisual, sexa gratuíta por oitavo ano consecutivo. “Esta é unha aposta que fixemos cando chegamos ó Goberno provincial en 2007, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades”, apuntou Gómez Besteiro. Por outra banda, destacou a partida de 70.000 euros destinada ó programa de bolsas formativas en máis de 70 empresas de ámbito nacional nas que os titulados da EIS teñen a súa primeira experiencia laboral.

Lugo, destino cinematográfico
O máximo responsable provincial dixo que “traballaremos por converter a Lugo nun destino cinematográfico, como ferramenta eficaz para crear riqueza e dar a coñecer a nosa provincia”. Neste senso, potenciarase o Lugo Film Commission co obxectivo de “traer a nosa provincia a gravación de audiovisuais e películas como Hotel Almirante, que comezará a rodarse nos vindeiros días en Lugo. Ademais, apostaremos polo turismo cinematográfico, un sector que está a ter cada vez máis adeptos”.

Dentro do eido cinematográfico, neste caso vinculado exclusivamente á formación práctica dos alumnos, anunciou a colaboración da entidade na nova película de animación do produtor Ángel de la Cruz, gañador de dous Goyas pola longametraxe Arrugas. “Os nosos alumnos terán unha oportunidade única para formarse cos mellores profesionais no ámbito da animación en España”.

Labor social: máis de 130 convenios
Outro dos eixos fundamentais da actividade da Fundación será a colaboración coas organizacións sen ánimo de lucro da provincia. “Superamos xa os 130 convenios con entidades sociais, culturais e deportivas. Con esta actuación desempeñamos un importante labor social, xa que contribuímos a difundir os fins polos que traballan estas asociacións e axudamos a promover a súas actividades”. E todo isto sen esquecer a cooperación cos Concellos coa elaboración de contidos audiovisuais que promovan os municipios da provincia tanto turística como economicamente.

Alta demanda das actividades do InLugo

En 2015 a Fundación TC continuará xestionando o Plan de Promoción da Autonomía dos Maiores da Provincia, logo do éxito desta iniciativa, avalado pola gran demanda das actividades organizadas polo InLugo: máis de 1500 inscritos e o dobre de solicitudes.

Gómez Besteiro dixo que estes datos confirman “o interese que hai por parte dos nosos maiores de achegarse ás novas tecnoloxías. Internet ou o teléfono móbil favorecen a comunicación e as relacións interxeracionais, un factor esencial para conseguir un envellecemento saudable e para fomentar unha imaxe positiva da terceira idade”. Ademais, coas actividades do Centro de Innovación Social facilítase a actividade, o benestar psicolóxico e foméntase a creatividade e o exercicio da mente”.




< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet