Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2014

24/11/2014

A Fundación TIC gravará o V Festival de Danza a favor de Unicef para difundir o labor da ONG

- Bolseiros e persoal técnico da TIC recollerán nun DVD a gala benéfica que a organización humanitaria celebrará no Círculo das Artes de Lugo o mércores, ás 20:00 horas
- Na actualidade, a TIC difunde o labor de máis de 130 entidades da provincia coas que mantén convenios de colaboración ó tempo que favorece a inserción dos alumnos titulados na EIS

Bolseiros e persoal técnico da Fundación TIC gravarán o V Festival de Danza benéfico que Unicef Lugo celebrará no Círculo das Artes o mércores, 26 de novembro, a partires das 20:00 horas, e co que se recadarán fondos para destinar aos programas de axuda á infancia que promove a organización humanitaria.

As imaxes que o equipo da TIC recolla nesta Gala solidaria, que contará coa participación de máis de 100 alumnos do Conservatorio de Danza, editaranse en soporte DVD como material gráfico de promoción para difundir o labor da ONG e a súa actividade. Isto é posible grazas o convenio que a Fundación TIC ten con Unicef Lugo. Con esta son 130 as entidades sen ánimo de lucro coas que colabora a TIC a través da elaboración de produtos audiovisuais, e nos que participan alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son (EIS). Precisamente, unha das prioridades da TIC con estes acordos é favorecer a inserción laboral dos estudantes da única Escola da provincia que imparte ensinanzas na rama audiovisual.

Recadación de fondos
Unicef Lugo celebra por quinto ano consecutivo esta Gala solidaria co fin de recadar fondos na loita contra a mortalidade infantil. A organización denuncia que cada día morren en todo o mundo uns 18 mil nenos menores de 5 anos por causas que se poden evitar con medidas tan sinxelas como unha vacina, unha nutrición axeitada ou acceso a auga potable.

A Gala contará coa participación de alumnas e alumnos do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo que interpretarán varias pezas en diferentes disciplinas. As entradas, cun custe de 5 euros, xa están á venda online na páxina servinova.com e de forma presencial no Círculo das Artes, en horario de 17:00 a 20:00 horas. Tamén se poderán adquirir o mesmo día da celebración do evento. Ademais está dispoñible a fila cero para todos aqueles que non poidan asistir pero que queiran achegar o seu grao de area.

Importante acción humanitaria
Unicef é a primeira organización internacional na defensa dos dereitos da infancia, así o avala o seu traballo humanitario que chega a máis de 190 países e territorios desde hai máis de 68 anos. A súa acción humanitaria está centrada na loita para que todos os nenos do mundo, independentemente do lugar de nacemento, teñan unha vida saudable, unha educación e estean protexidos da violencia e a explotación. A ONG está financiada pola contribución de cidadáns, empresas, fundacións e gobernos. En Lugo conta con preto de 2.000 mil socios en toda a provincia.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet