A Fundación TIC amplía a formación dos seus profesionais cun curso de inglés audiovisual
A acción formativa celébrase por primeira vez en Lugo e enmárcase dentro do convenio subscrito co Consorcio Audiovisual de Galicia
Vintecinco profesionais do sector e titulados da EIS participarán na iniciativa, que será impartida polos profesores da Escola Oficial de Idiomas
A Escola de Imaxe e Son de Lugo, dependente da Deputación, acollerá dende o vindeiro martes, 2 de marzo, un curso de inglés audiovisual organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellería de Educación, en colaboración coa Fundación TIC.
En total, vintecinco profesionais do sector e titulados da EIS participarán na acción formativa, que se desenvolverá por primeira vez na provincia, e que ten unha duración de sesenta horas. A iniciativa englóbase dentro do convenio suscrito coa Fundación TIC e dentro do Plan de Formación continua do seu persoal docente e técnico.
Será impartida polos profesores da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, de tal xeito que os participantes terán a oportunidade de ampliar os seus coñecementos no mundo audiovisual. Con este curso a Fundación TIC aposta por unha formación de calidade ó tempo que mellora a cualificación dos profesionais que nestes momentos prestan o seu servizo tanto na EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanzas no eido audiovisual, como no Centro de Produción de Programas situado no polígono do Ceao.
A Fundación TIC subvenciona a totalidade das taxas de matrícula e gastos de tramitación de expediente na EOI luguesa. Pola súa banda, o Consorcio Audiovisual de Galicia costea, en concepto de bolsa de formación, o 50% do custo das taxas de matrícula nas EOI da Coruña e Santiago e ofertará ademais unha serie de actividades extraacadémicas relacionadas cos contidos do curso (como visitas a rodaxes ou gravación de programas, organización de master classes, proxeccións de películas en versión orixinal, etc).
O obxectivo é que o alumnado adquira ou mellore o seu nivel de competencia na expresión e comprensión de certos aspectos específicos da lingua obxecto de estudo, tanto na súa forma falada como escrita, que lle permita desenvolverse en situacións coas que se poida atopar no seu ámbito profesional específico, proporcionándolle a información sobre as características fonéticas, as estruturas e normas de interacción comunicativa que poidan ter influencia nas situacións laborais e sociais máis frecuentes coas que se van enfrontar.
Estas actividades xorden da necesidade de especialización dos profesionais, que teñen que atender á demanda dun mercado audiovisual de marcado carácter transnacional e de contar coa presenza das empresas e produtoras galegas nos foros internacionais máis prestixiosos.
Estreita colaboración
A Fundación TIC mantén unha estreita relación co Consorcio Audiovisual de Galicia dende a creación da Film Comission de Lugo, que xurdiu co obxectivo de axilizar os trámites necesarios para a filmación de películas na provincia. A posta en marcha desta oficina motivou a celebración na Deputación de Lugo das Xornadas sobre Oficinas de Promoción de Rodaxe de Galicia.
Neste eido, a Fundación TIC prestou apoio á produtora francesa Red Star Cinema, que rodou a película “Suerte” na capital lucense e nos arredores. O “casting” do filme tivo lugar nas instalacións da Escola de Imaxe e Son.
Por outra banda, a entidade, dependente do organismo provincial, tamén participou en varias xornadas e congresos organizados polo Consorcio Audiovisual de Galicia, como as II Xornadas de Educación Audiovisual e o II Congreso de Audiovisual, que se desenvolveron en Santiago de Compostela.