Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Ticodiario

10/12/2014

Os maiores da provincia súmanse ás visitas didácticas da TIC e presentan un informativo de televisión

-Unha vintena de usuarios do InLugo coñecerán este xoves os diferentes departamentos dun medio audiovisual e protagonizarán un Ticodiaro
- No que vai de curso 450 alumnos e profesores de primaria e secundaria visitaron a TIC e a tempada pasada pasaron polas súas instalacións máis de mil escolares
-Este programa de visitas ten por obxectivo achegar ás novas tecnoloxías ós lucenses e abrir as portas da Fundación á sociedade

Participantes nas actividades do InLugo, o primeiro Centro de Innovación Social de Galicia, visitarán este xoves as instalacións da Fundación TIC dentro do programa de visitas didácticas que xa están a ser todo un éxito entre os alumnos de primaria e secundaria. Deste xeito, amplíase ós maiores da provincia esta actividade, que ten por finalidade achegar as novas tecnoloxías ós lucenses, neste caso as relacionadas co eido audiovisual, e abrir as portas da Fundación a toda a sociedade para amosar o traballo que desenvolve a entidade.

Unha vintena de maiores forman o primeiro grupo do InLugo que coñecerán in situ o funcionamento dos distintos departamentos dun medio audiovisual, onde traballan os técnicos da TIC e realizan as súas prácticas os alumnos da Escola de Imaxe e Son. Ademais, participarán na realización dun programa de televisión e presentarán ante as cámaras un Ticodiario, un informativo televisivo que inclúe noticias reais.

Na mesma liña de achegar as novas tecnoloxías ós nosos maiores, o InLugo tamén vén de organizar un obradoiro de radio que impartiron, no estudo da TIC, un técnico e unha docente da EIS.

Éxito de participación entre escolares
Desde que comezou o curso 2014-2015 xa participaron 450 alumnos e profesores de primeira e secundaria da nosa provincia e de dous centros da Coruña nestas visitas. A tempada pasada pasaron polas instalacións da TIC máis de mil alumnos e preto de cen profesores. Ademais de percorrer as instalacións, os nenos e mozos tamén recibiron información sobre os estudos dos ciclos de Realización e Produción que imparte a Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia con ensinanzas superiores da rama audiovisual. Todas as visitas están colgadas na web da Fundación TIC (www.fundaciontic.org)


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet