Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2014

15/12/2014

A TIC colabora na homenaxe a Manuel María Andando a Terra o martes no Auditorio Gustavo Freire

- O espectáculo é a culminación dun proxecto interdiciplinar no que o alumnado do centro educativo Galén compartirá escenario coa cantante Uxía Senlle
- Os alumnos da EIS gravarán a gala cunha unidade móbil e cinco cámaras como práctica nun escenario real, dentro do programa de formación complementaria
- O Centro Galén é unha das 130 organizacións coas que colabora a TIC. Neste caso o obxectivo é o intercambio de experiencias formativas

A Fundación TIC súmase á homenaxe que se rende o vindeiro martes, 16 de decembro, ó escritor Manuel María no Auditorio Gustavo Freire de Lugo. O espectáculo Andando a Terra, que comezará ás 16:00 horas, é a culminación dun proxecto interdisciplinar do centro educativo Galén, no que tamén colaboran a Deputación, o Concello de Lugo e a Fundación Manuel María Estudos Galegos.

Os alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), baixo a supervisión de docentes e técnicos, serán os encargados de gravar e realizar a gala. Trátase dun espectáculo audiovisual en todas as súas vertentes plásticas e musicais, baseado na figura e na obra do poeta chairego e no traballo discográfico que a artista Uxía Senlle dedica ó autor. Para a facer esta práctica nun escenario real, os estudantes da EIS empregarán unha unidade móbil e cinco cámaras. Ademais, a TIC colabora nos labores de produción.

O centro Galén é unha das 130 organizacións coas que ten asinado convenio a Fundación TIC. Neste caso, o obxectivo da colaboración é o intercambio de experiencias formativas.

Un proxecto interdisciplinar
Con este espectáculo culmina un proxecto que comezou hai tres meses e no que participan todos os alumnos do centro Galén, desde Educación Infantil a Bacharelato. Incluíu traballos de investigación e obradoiros de música e danza tradicional galega, danza contemporánea, cabaret, expresión corporal, dramatización e creación literaria, así como visitas e saídas a lugares especialmente significativos na obra e vida de Manuel María.

A proposta escénica parte dun espectáculo musical que a cantante Uxía Senlle concibe ó redor da obra do escritor chairego recollida en Andando a terra, título do disco que publicou xunto co libro de Manuel María Os lonxes do solpor en 2012.

O gran poeta chairego
Manuel María é un poeta lugués que recolle na súa poesía unha temática moi ampla: o intimismo, o compromiso social, a paisaxe galega, a xente e a vida cotiá, cunha linguaxe e recursos literarios que permiten traballar con nenos e nenas de todas as idades.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet