Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2010
10/03/2010
A TIC grava o vídeo musical da cantante Lucía Pérez que promocionará Lugo en España e Sudamérica
Gómez Besteiro visitou o primeiro día de gravación de “Torres de Compostela” no adarve da Muralla.
A través dun convenio de colaboración, bolseiros da Escola de Imaxe e Son e técnicos da Fundación realizan o vídeo musical co que a artista se promocionará a nivel internacional.
O máximo responsable provincial destacou que “con esta iniciativa, ademais de procurar a inserción laboral dos nosos alumnos, apoiamos á Muralla no seu aniversario, e ó Camiño no Ano Xacobeo” .
O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, visitou este mércores no adarve da Muralla o primeiro día da rodaxe do vídeo musical “Torres de Compostela” da cantante do Incio Lucía Pérez. Técnicos da Fundación e bolseiros da Escola de Imaxe e Son están a gravar este proxecto grazas a un convenio de colaboración coa artista lucense. Trátase do traballo co que Lucía Pérez promocionará a súa carreira artística por toda España e Sudamérica. O vídeo, gravado con motivo do Ano Santo, ten como escenarios, ademais da Muralla, o Camiño de Santiago ó seu paso pola provincia de Lugo.
Gómez Besteiro destacou a importancia desta colaboración “xa que sumamos nun mesmo produto a promoción da cidade lucense e da provincia, apoiamos a unha artista de Lugo cunha grande proxección, e cumprimos co principal obxectivo da Fundación: procurar a inserción laboral dos nosos alumnos”.
O titular do organismo provincial salientou que “os titulados da TIC teñen poucas oportunidades de gravar vídeos musicais de ámbito nacional na nosa provincia, e esta é unha boa ocasión para que tomen contacto cun dos nichos de emprego do eido audiovisual”. Ademais, a rodaxe convertiuse nunha clase in situ para medio cento de alumnos da EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanzas do mundo audiovisual.
Muralla e Xacobeo
O máximo responsable provincial apuntou que “con esta iniciativa unimos os dous acontecementos claves deste ano en Lugo: por unha banda, o décimo aniversario da declaración da Muralla como ben Patrimonio da Humanidade e, por outra, o Ano Xacobeo. Ambos fitos supoñen unha oportunidade económica e turística para a nosa provincia que non podemos desaproveitar”. Neste senso, subliñou que o programa Km0 a Compostela da Deputación “que ten por obxectivo a posta en valor dos catro Camiños que atravesan a nosa provincia, uns 800 quilómetros de itinerarios xacobeos, a rede máis extensa de Galicia”.
A Fundación TIC, a través da EIS, xa colaborou noutros destacados proxectos audiovisuais que contribúen a promocionar a provincia de Lugo. O máis recente é o documental Hitler, Garbo... e Araceli, do director Xosé de Cora, estreada en xaneiro no Pazo de San Marcos. Ademais destaca a participación da Fundación na longametraxe Os mortos van á presa, de Ángel de la Cruz, a gran gañadora da VII edición dos Premios Mestre Mateo, onde acadou nove galardóns.
Artista do Incio
Lucía Pérez, natural do Incio, gañou con 17 anos o concurso Canteira de cantareiros da TVG e triunfou no festival chileno de Viña do Mar, onde quedou en segunda posición coa canción “Qué haría contigo”, de Chema Purón, o seu produtor e director artístico. Lazou o seu primeiro disco, titulado “Amores y desamores”, en 2003. O seu cuarto traballo, “Dígocho en galego”, reúne varias versións de éxitos anteriores cantados en galego, entre eles, “Torres de Compostela”.
Volver