Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2015

12/02/2015

A Fundación TIC e a Asociación Cultural Avelino Díaz asinan un convenio para realizar un documental sobre o poeta

- A TIC apoia o labor da entidade cultural a prol de que se lle dedique o Día das Letras Galegas 2017, coincidindo co 120 aniversario do nacemento do poeta ao que considera “merecedor do recoñecemento” pola súa traxectoria
- Un equipo de bolseiros e técnicos gravará a homenaxe que a asociación celebra este xoves coa asistencia de familiares do escritor chegados de Bos Aires
- No acto, o CENTRAD fará entrega dunha escultura dedicada a Avelino Díaz para que forme parte do patrimonio que a organización sen ánimo de lucro tenta reunir entorno á figura do escritor

Bolseiros e técnicos da Fundación TIC realizarán un documental sobre o “Poeta de Meira”, Avelino Díaz, co fin de apoiar o labor da Asociación Cultural que leva o seu nome a prol de que se lle dedique o Día das Letras Galegas no 2017, coincidindo co 120 aniversario do seu nacemento. O traballo audiovisual levarase a cabo en virtude do convenio de colaboración que asinaron este mércores nas instalacións da TIC a patroa da Fundación e Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, e o presidente da Asociación Cultural Avelino Díaz, Francisco Manuel Veiga.
Regina Polín subliñou “o interese da TIC en difundir a figura e obra de Avelino Díaz, natural de Santa Comba de Orrea, en Riotorto, que malia ter que emigrar a Arxentina coa súa familia, mantivo un forte vencello coa súa terra”. “Unha sinxela ollada a súa obra –engadiu a patroa da TIC- permítenos comprobar o sentimento de galeguidade que impregna os seus poemas, que sen dúbida o fan merecedor de recoñecemento no Día das Letras Galegas”.

A Asociación Cultural Avelino Díaz está integrada por numerosos colectivos e particulares, xunto aos Concellos de Riotorto e Meira, lugar de nacemento e localidade na que residiu o poeta, respectivamente.

Colaboración do CENTRAD
Para incluír no documental, o equipo da TIC gravará a homenaxe a Avelino Díaz que terá lugar este xoves, día 12, en Meira, coa asistencia da súa familia chegada de Bos Aires. Os actos organizados pola asociación consistirán nunha recepción oficial que os Alcaldes de Riotorto e Meira ofrecerán aos parentes de Avelino Díaz, e unha cea popular na que haberá recitado de poemas e actuacións de grupos que puxeron música as súas letras.

Durante a homenaxe, Regina Polín fará entrega á organización cultural da escultura “Escaleira para Subir ao Ceo” que o artista Manuel Pardo, afincado en Meira, dedicou ao poeta. A obra doada polo CENTRAD pasará a formar parte do patrimonio que a entidade sen ánimo de lucro tenta reunir entorno á figura de Díaz.

A representación familiar de Avelino Díaz estará formada polo seu fillo Alberto e a súa dona, Josefina; a súa neta Verónica e o seu home, Mariano, e a súa bisneta Lourdes. A comitiva, que visita por vez primeira Galicia, ten previsto percorrer os lugares onde pasou a súa vida o escritor.

Avelino Díaz pasou boa parte da súa mocidade en Meira. Con 21 anos emigrou a Bos Aires, onde desenvolveu unha intensa actividade xornalística e literaria. O coñecido como “Poeta de Meira” deixou publicadas tres obras: Debezos e Pallergas, en galego, e Flor de Retama, en castelán.

A TIC a prol da cultura
O acordo subscrito coa Asociación Cultural Avelino Díaz engádese aos máis de 130 convenios que a TIC mantén con ONGs, asociacións culturais, agrupacións veciñais, e entidades deportivas para difundir o seu labor na provincia mediante a realización de traballos audiovisuais, co fin de completar a formación teórica dos alumnos con prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa inserción laboral.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet