Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2015

25/02/2015

A TIC entrega aos alumnos do centro educativo Galén o DVD da gala homenaxe a Manuel María Andando a Terra

  • archivos/fotos/grandes/2289_20150224_202859.jpg

  • archivos/fotos/grandes/2289_D77K1003 (1).JPG

  • archivos/fotos/grandes/2289_D77K1015.JPG







-O traballo audiovisual recolle o espectáculo celebrado o 16 de decembro no Auditorio Gustavo Freire de Lugo na honra do escritor chairego
-Lara Méndez presidiu o acto, no que os DVD foron entregados polos alumnos da Escola de Imaxe e Son que gravaron as actuacións con cinco cámaras e unha unidade móbil

A Fundación TIC entregou este martes aos alumnos do centro educativo Galén o DVD titulado Andando a Terra, que recolle o espectáculo homenaxe ao escritor Manuel María que gravaron os estudantes da Escola de Imaxe e Son o pasado mes de decembro. Os alumnos do Galén recibiron cadanseu vídeo de mans dos estudantes da Escola de Imaxe e Son nun acto presidido pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, no que tamén participou o director do centro, Raúl López.

A gala Andando a Terra foi a culminación dun proxecto interdisciplinar no que tamén colaboraron a Deputación, o Concello de Lugo e a Fundación Manuel María Estudos Galegos. O espectáculo foi unha combinación audiovisual das distintas vertentes plásticas e musicais, baseada na figura e na obra do poeta, así como no traballo discográfico que a artista Uxía Senlle dedicou ao autor. Docentes e técnicos da EIS supervisaron o traballo dos alumnos da Escola da TIC, encargados de gravar e realizar o espectáculo no que empregaron cinco cámaras e unha unidade móbil.

O gran poeta chairego
A poesía de Manuel María recolle unha temática moi ampla: o intimismo, o compromiso social, a paisaxe galega, a xente e a vida cotiá, cunha linguaxe e recursos literarios sinxelos. Con esta colaboración, a TIC pretende contribuír á difusión da súa figura e da literatura galega.

O proxecto educativo da Fundación TIC ten como eixo fundamental a combinación de formación e práctica en contextos e escenarios reais, o que permite vincular directamente a formación dos alumnos ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. Esta actuación, ademais, forma parte da liña de intercambio de experiencias con outros centros educativos, como o que se mantén co Concurso Lucus Intercentros que organiza todos os anos o IES Muralla Romana.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet