Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2015

02/03/2015

Lara Méndez presenta a Hoffmann como exemplo de emprendedora dun proxecto innovador a prol dos maiores

-A Vicepresidenta Segunda inaugura a xornada Retos e oportunidades das novas tecnoloxías para os nosos maiores organizada pola Fundación TIC
-Anuncia que o InLugo continúa con financiamento 100% provincial o seu labor, “especialmente necesario na nosa provincia, cun 28,2% de persoas de máis de 65 anos”
-Catalina Hoffmann expuxo o seu Método e experiencia ao fronte da rede de franquías de Centros de Día Vitalia

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, inaugurou este sábado a Xornada sobre retos e oportunidades das novas tecnoloxías para os nosos maiores organizada pola Fundación TIC, que contou coa participación da creadora do Método Hoffmann e fundadora da rede de franquías de Centros de Día Vitalia, Catalina Hoffmann.

Méndez destacou a traxectoria da empresaria que “malia ser aínda moi nova xa é todo un referente a nivel internacional grazas ao emprego da innovación terapéutica e tecnolóxica para mellorar a calidade de vida dos maiores”. Ademais, dixo que é un exemplo de emprendemento dun negocio orixinal e viable, que mesmo se estuda na Universidade de Harvard e polo que recibiu o prestixioso Premio da Fundación Príncipe de Girona Empresa 2013”.

O encontro forma parte do traballo que está a realizar a TIC para promover o envellecemento activo e o benestar dos maiores da provincia a través do uso das novas tecnoloxías. A responsable provincial afirmou que “tanto na Deputación como na TIC estamos especialmente sensibilizados cos nosos maiores, xa que Lugo está situado no top ten das provincias máis avellentadas da Unión Europea”. Segundo os datos da Oficina Europea de Estatística, Euroestat, ocupa o noveno posto deste ranking, cun 28,2 % de poboación de máis de 65 anos.

Punto e seguido do InLugo
A Fundación TIC seguirá a xestionar, a través do Centro de Innovación Social, o programa de Promoción da autonomía persoal dos maiores da provincial. “O financiamento europeo do 80% no marco do Innova-TE 2 remata este mes, pero isto non é un punto final, senón un punto e seguido: o InLugo continúa a semana que vén cos habituais cursos e obradoiros e coas titorías personalizadas, xa que seguirá tres anos máis grazas á encomenda da Deputación, neste caso con fondos 100% provinciais”, avanzou Méndez.


Emprendedora de éxito
Catalina Hoffmann é graduada do Programa de Desenvolvemento Directivo da IESE Business School da Universidade de Navarra. Ten estudos en medicina e é graduada en terapia ocupacional e especialista en estimulación cognitiva. Recibiu, entre outros moitos galardóns, o premio Expansión ao Emprendemento e o Premio Fundación Príncipe de Girona Empresa 2013, que recoñece a mozos con iniciativas emprendedoras na execución dun proxecto orixinal e viable. Ademais, en 2012 creou a Fundación Catalina Hoffmann orientada á atención de persoas maiores con escasos recursos.

A xornada rematou cun taller práctico de Wii Terapia para maiores. Para o seu desenvolvemento instaláronse consolas con monitores. Contou coa presenza de terapeutas que dirixirán a actividade.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet