Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2015

19/03/2015

Candidatos aos Mestre Mateo en longametraxe, documental e montaxe comparten experiencias cos alumnos da EIS

-No encontro participaron a guionista da película Os fenómenos, Jaione Camborda, e os directores dos documentais A viaxe de Leslie e A volta dos nove, Marcos Nine e Antonio Caeiro
-Álvaro Santos destacou “a gran oportunidade que supón para os nosos alumnos aprender dos mellores profesionais do cine e o audiovisual”
-A iniciativa forma parte dos Encontros Mestre Mateo, organizados pola Academia do Audiovisual Galego como preámbulo á XIII edición destes premios

Os alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC compartiron este xoves experiencias con tres dos candidatos á mellor longametraxe e documental aos Mestre Mateo 2015, dentro dos Encontros que organiza a Academia do Audiovisual Galego como preámbulo á gala de entrega destes premios. Na mesa redonda participaron Jaione Camborda, coguionista da película Os fenómenos; Marcos Nine, director e montador do documental A viaxe de Leslie; e Antonio Caeiro, director e guionista do documental A volta dos nove.

No acto de presentación, o patrón da Fundación TIC Álvaro Santos destacou “a gran oportunidade que supón para os nosos alumnos aprender dos mellores profesionais e, neste caso concreto, coñecer de primeira man como se elabora un guión de longametraxe, o proceso para a elaboración dun documental e a importancia fundamental que ten a montaxe no produto final”. Santos subliñou que “este contacto directo co mundo do cine e do audiovisual é un dos piares do noso modelo de formación, de feito, un dos nosos convidados, Marcos Nine, xa é un vello coñecido dos alumnos, aos que lles impartiu unha master class na EIS”. Ademais, lembrou que este ano “cinco traballos dos nosos alumnos e titulados estiveron entre os preseleccionados aos Mestre Mateo e diversas categorías”.

Longametraxe e documentais finalistas
Os fenómenos opta á mellor longametraxe xunto a A Esmorga, El Niño e Schimbare, e Jaione Camborda ao mellor guión, xunto co director da cinta, Alfonso Zarauza. A película, que conta no o seu reparto con Lola Dueñas e Luis Tosar, é un drama de corte social que aborda a crise do sector da construción a través dos ollos dunha muller. A protagonista decide volver ao seu pobo natal e, despois de numerosas dificultades, atopa un emprego de peón albanel.

A Viaxe de Leslie e A volta dos nove compiten cos documentais Angrois no esquecemento e Funes, o inventor da lúa. Ademais, o director de A viaxe de Leslie, Marcos Nine, tamén é candidato á mellor montaxe. De feito, este documental ten un gran traballo de edición, xa que está realizado por completo con material de arquivo, co obxectivo de recrear a morte dun dos grandes actores de Hollywood, Lelie Howard, protagonista da mítica Lo que el viento se llevó. O documental afonda nun fito histórico: o falecemento do actor nas inmediacións de Cedeira, tras ser derribado o avión no que viaxaba en xullo de 1943 por varios cazas alemáns.

Polo que se refire a A volta dos Nove, no que traballaron durante oito anos Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro, céntrase en relatar a historia dun “paseo” durante a guerra civil española, no concello de Baiona. Neste caso, é un traballo de memoria oral no que se descubre a enigmática historia dunhas cruces que durante máis de 40 anos foron marcadas no chan da curva Bombardeira do quilómetro 58, na estrada entre Baiona e A Guarda.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet