Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2015

24/03/2015

Lugo acolle este mércores a preestrea da miniserie Hotel Almirante nunha gala organizada por alumnos e bolseiros da EIS

- O Círculo acollerá a proxección nunha gala con entrada libre ás 19:30 horas, e contará coa presenza da escritora Marta Rivera de la Cruz e boa parte do equipo artístico e técnico
-A TIC colabora nesta produción a través da Film Commission, dentro da súa aposta por converter a nosa provincia nun destino cinematográfico e audiovisual
-Baseado na obra homónima da autora lucense, no telefime participaron máis dun cento de figurantes de Lugo, así como os actores lucenses Mariana Expósito e Antonio Mourelos

Lugo vestirase, este mércores 25 de marzo, con galas hollywoodenses para a preestrea da miniserie Hotel Almirante, coa que colabora a Fundación TIC a través da Film Commission. O acto, con entrada libre, comezará ás 19:30 horas no Círculo das Artes, edificio no que está ambientado o establecemento hoteleiro que dá nome ao telefilme, baseado na obra homónima de Marta Rivera de la Cruz. A escritora lucense asistirá ao acto, así como a práctica totalidade do cadro artístico, entre eles, a protagonista Ana Turpin e os actores lucenses, Mariana Expósito e Antonio Mourelos, así como o cadro técnico co director da película, Antonio Cuadri, á cabeza.

A gala está organizada por alumnos de 1º de Produción e docentes da Escola de Imaxe e Son e un bolseiro da Film Commission, entidade xestionada pola TIC na nosa provincia. Ademais, unha estudante de 2º de Produción será a encargada de presentar o evento. Deste xeito, alumnos e titulados da Escola realizarán unha práctica nun escenario real, un dos sinais de identidade do modelo formativo da EIS.

Lugo, protagonista
A película, cun orzamento de 750.000 euros, ten unha duración de 180 minutos, que en televisión dividirase en dous capítulos de 90 minutos cada un. Rodouse durante cinco semanas en varias localizacións de Lugo e A Coruña. Na cidade amurallada traballou, durante 15 días, un equipo de 150 persoas, 40 delas profesionais, e o resto figurantes de Lugo. Ten como escenarios destacados o Círculo das Artes, transformado en hotel, así como as rúas do casco histórico e varias dependencias da Escola de Imaxe e Son.

A TIC coa promoción da provincia
Hotel Almirante contou coa colaboración da TIC grazas a un convenio asinado con Formato Producciones, dentro da aposta da entidade por reforzar a Film Commission en Lugo co obxectivo de que a nosa provincia sexa atractiva como destino cinematográfico e audiovisual. Entre outras actuacións, a Film Commission encargouse da tramitación dos permisos necesarios e cedeuse o uso de dúas aulas da EIS para a gravación de varias escenas, así como as dependencias nas que a produtora estableceu a súa oficina de rodaxe.

Ademais da promoción de Lugo, con esta colaboración tamén se contribuíu á formación práctica dos alumnos e exalumnos da Escola da TIC. En concreto, catro titulados de Realización e Produción participaron coma bolseiros na rodaxe e varios alumnos da Escola colaboraron na selección de figurantes. Por outra banda, todos os estudantes asistiron á rodaxe para coñecer in situ as interioridades dunha produción audiovisual deste nivel. A Deputación cedeu o uso do aparcamento do antigo hospital San José co obxectivo de facilitar o traballo e o almacenamento de material.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet